Cuntis recibe o apoio da Deputación para o desenvolvemento das súas festas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisLocalPontevedraProvincias
A-
A+
A deputada Ana Isabel Vázquez recibiu ao alcalde de Cuntis, Antonio Pena

A deputada Ana Isabel Vázquez recibiu ao alcalde de Cuntis, Antonio Pena

A Deputación de Pontevedra amosou o seu apoio ás festas patronais de Cuntis, que se desenvolverán desde o vindeiro xoves 15 de agosto ata o domingo 18 e que contan cun amplo programa de actividades nas que colabora a Administración provincial.

O rexedor local, Antonio Pena, entrevistouse esta mañá coa deputada provincial Ana Isabel Vázquez, con quen analizou a relevancia destas celebracións, coñecidas popularmente como Festas de Agosto e que teñen un grande arraigo neste municipio pontevedrés.

Pola súa banda, Vázquez Reboredo fixo fincapé no compromiso da Deputación coas tradicións de cada municipio, destacando a necesidade de apoiar as diferentes comisións de festas e corporacións para que poidan, incluso en momentos difíciles coma o actual, manter as súas festas populares como unha manifestación máis da cultura propia.

O alcalde de Cuntis agradeceu o apoio da Deputación a estas “festas grandes” do municipio, que organiza a Asociación Cultural e Xuvenil Río Gallo, co apoio do propio Concello.

As festas inclúen un amplo programa de actividades que, ás diversas actuacións musicais diúrnas e ás tradicionais verbenas, suma numerosas actividades para todas as idades, coma o Desafío ocio, que terá lugar o xoves ás 17:30 horas e inclúe paseos en canoa, tirolesas, tiro con arco, torre multiaventura…; o I Roteiro de viños, o venres ás 21:30 horas ou a xa tradicional carreira de camas que se celebrará o mesmo día ás 17:30.

Actuacións de pallasos, xogos populares, Festa da espuma, maratóns, fútbol e inchables completan o programa.

13 de agosto de 2013 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.