Concurso de escaparatismo para potenciar a imaxe do comercio local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

> O certame celebrarase entre o 1 e o 30 de setembro dentro das actividades de dinamización promovidas pola área de Emprego e Empresa para apoiar ao sector.
> O gañador recibirá 2.000 euros e elixirase entre cinco finalistas doutras tantas asociacións comerciais para implicar no certame a todos os barrios da cidade.

Concurso de escaparates

Concurso de escaparates

O Concello organizará un concurso de escaparatismo no mes de setembro, coa chegada da tempada de outono, para potenciar a creatividade dos establecementos comerciais, unha iniciativa impulsada pola área de Emprego e Empresa, que dirixe Luisa Cid, dentro das accións que se levan a cabo dende a concellaría para apoiar o comercio local.

O concurso desenvolverase do 1 ao 30 de setembro e premiará a orixinalidade e imaxinación dos establecementos participantes, que poderán facer escaparates de temática libre co fin de abrir a porta á creatividade. Ademais, promoverase a participación das tendas a través das redes sociais (Facebook, twitter), con vídeos en youtube e unha páxina web específica: www.participacoruna.com.

Baixo o lema Despierta, muevete, Participa, nos escaparates deberá dominar a cor verde porque será o fío condutor do certame “para achegar unidade e xerar complicidade entre os comerciantes”, indicou Luisa Cid. Tamén se organizarán distintas accións no centro e todos os barrios: colocaranse 150 espertadores en rúas e portas de establecementos que soarán en plena vía pública como un aceno aos clientes para chamar a atención dos comercios. Ademais, repartiranse 3.000 carteis e 3.000 folletos informativos coas bases do concurso e celebraranse fotocalls.

Prazos de inscrición e premios

Un xurado técnico, que deberá valorar a estética, a orixinalidade, a eficacia comercial e a imaxe en conxunto, seleccionará cinco finalistas de entre todos os participantes. O gañador será elixido entre eses cinco finalistas doutras tantas entidades por votación popular nas redes sociais e recibirá 2.000 euros e 500 euros a asociación á que pertence. Cada finalista recibirá un premio de 1.000 euros e 500 euros a asociación á que pertenza. Ademais, sortearanse dous vales en compras de 100 euros cada un entre os que participasen na votación popular.

Os comercios que desexen participar xa poden facelo na páxina web www.participacoruna.com. Os primeiros 80 establecementos que se inscriban -e solicíteno- recibirán asesoramento profesional gratuíto en escaparatismo e interiorismo comercial. Os prazos son os seguintes:
-ata o 15 de setembro: prazo de inscrición.
-do 15 ao 20: o xurado seleccionará os cinco finalistas.
-do 20 ao 27: prazo da votación popular.
-do 27 ao 30: entrega de premios.

Na presentación do concurso, a concelleira de Emprego e Empresa, Luisa Cid, acompañada por Miguel Suárez, presidente da Federación de Unión do Comercio Coruñés, explicou que o obxectivo é facer o pequeno comercio máis atractivo para os seus clientes e recordou que a decisión de organizar este tipo de accións se tomou de xeito consensuado co sector.

O certame forma parte do plan de revitalización do comercio impulsado polo Concello e terá continuidade en nadal cun novo concurso de escaparatismo. O presuposto de ambos os dous concursos rolda os 50.000 euros, dos cales 20.000 se destinan a premios, recordou Cid, quen engadiu que o obxectivo destas iniciativas ten un denominador común: “Buscar sempre que o beneficio para os comerciantes, sacar destas experiencias o maior rendemento comercial posible”.

A edil subliñou que o Goberno local realiza actividades de dinamización todo o ano e avanzou que en outono se organizarán novas accións en distintas zonas comerciais.

23 de agosto de 2013 | 14:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.