Concertos, andainas e conferencias na Semana Cultural de Seixalbo
> Dende mañá e ata o 31 de agosto, a AAVV de San Breixo organiza a XXVI semana cultural do barrio de Seixalbo.
> Xogos para nenos, deporte e conferencias para a fin de semana, e música e cine de luns a venres.
> O sábado, día 31 terá lugar, na área recreativa da Infesta, a tradicional cea do socio e xa se poden adquirir as entradas no local da Asociación de Veciños ou na libraría “A solaina” en Seixalbo.
>>>>>>>>>>
O sábado 24 de agosto, dará comezo, ás 20.30h, nas Canellas, o acto inaugural da XXVI semana Cultural de Seixalbo. No acto, que estará amenizado por un grupo musical, presentaranse as actividades programadas para toda a semana e inaugurarase a exposición fotográfica “En lembranza”.
Dende o sábado e ata o venres día 30, Seixalbo énchese de cultura, cor e actividades dirixidas a tódolos públicos, e ao acto de clausura asistirán representantes da corporación municipal e a concelleira de Participación Cidadá, María Devesa.
O domingo día 25, o Centro Cívico de Seixalbo acollerá dende as 13.00 h a exposición da obra de María Paz Carro Senra e pola tarde no campo de fútbol do Carqueixal, a partir das 18.00h, partido de fútbol “Os de arriba contra os de abaixo”, xogos infantís e música do grupo de percusión “Booma Lena”.
O programa de luns a venres será o seguinte:
– O luns, día 26 de o centro cívico servirá de escenario, ás 21.00h, do coloquio sobre “as orixes do noso patrimonio”.
– O martes, día 27, ás 20.30h no anfiteatro de Penouzos, concerto de piano a catro mans interpretado polo dúa “DedosD2”, integrado polos pianistas ourensáns, Marta Blanco Pascual e Xoán Iglesias Losada que amenizarán a velada cun programa variado de obras para piano. Ás 23.00h, dará comezo a andaina nocturna, con saída do local da AAVV San Breixo de Seixalbo, sita na rúa Abelardo Arce.
– O mércores, día 28, a praza do Cabildo acollerá a proxección “O ave si, mais non así”, traballo realizado dende a Plataforma Cidadá Ríos Limpos e a asociación ecoloxista Amigos da Terra.
– O xoves, día 29, o anfiteatro de Penouzos acolle a proxección do traballo “Entreparadas”, ás 21.30h. O proxecto foi elaborado pola Asociación de Mobilidade e Prevención de Accidentes de Tráfico P (A) T Galicia que explicarán o proxecto de inclusión social “Entreparadas”, no que participaron persoas en risco de exclusión, que a través do teatro invisible pretenden fomentar valores cara a mobilidade sustentable, o uso do transporte público e ao tempo, mellorar a súa vida e as relacións sociais na procura dunha cidade cívica e educadora.
– O venres día 30, o anfiteatro de Penouzos, a partir das 22.30h acollerá actuacións de artistas actuais, djs e música en directo.
– O sábado, 31 de agosto, ás 22.00h, na área recreativa da Infesta, porase o broche final á semana cultural coa tradicional cea do socio e a socia. As entradas poderán retirarse no local social da AAVV San Breixo, ata o xoves día 29, cun prezo de 20 euros para os socios e socias da Asociación, 25 euros para os non socios, e 10 euros para os nenos e nenas de entre 12 a 18 anos.











