Comezan os arranxos das beirarrúas de Ponte Mera
Comezaron os traballos de reparación das beirarrúas da DP 6122 en ponte Mera, no treito máis próximo á AC 862. A actuación pretende mellorar a accesibilidade do espazo reservado aos peóns nese vial provincial da parroquia de Santiago de Mera, dando resposta a unha vella demanda veciñal.
Os operarios municipais iniciaron a mediados de agosto os traballos de reparación nesta estrada de titularidade da Deputación da Coruña, co fin de mellorar os espazos transitables para os viandantes nun lugar que concentra unha parte importante da poboación da parroquia, contribuíndo así a garantir a súa seguridade.
O treito de beirarrúas que se encontra en obras achábase nun estado moi deficiente, como consecuencia do paso do tempo e, sobre todo, dos habituais aparcadoiros indebidos, invadindo a estreita zona de peóns, que se rexistran no lugar, un das zonas máis transitadas da parroquia.
O acondicionamento das beirarrúas da DP 6122 foi un dos compromisos adquiridos polo actual alcalde cos veciños da parroquia. Os traballos en marcha complementan os labores de optimización do firme desta calzada, acometidos no primeiro semestre do 2013 por Deputación da Coruña.











