Comezan as obras de reparación da pista Campolabrado-A Penamoura, en Naraío

Tarefas de melloras viarias
Construcións Canarga iniciou este xoves o arranxo da pista que une os lugares de Campolabrado e a Penamoura, en Naraío. Trátase dunha das vías que máis tráfico soportan na parroquia xa que é o principal acceso ao nucleo municipal desde o Chao, o Pico e o Piñeiro. O firme presentaba graves deficiencias que o Concello está subsanando cunha partida propia do orzamento de obras.
Os traballos iniciados hoxe desenvólvense ao longo de 1,2 quilómetros de trazado nos que, en primeiro lugar, se fixo un rebacheo para tapar as numerosas fochancas que había no firme. A repavimentación da estrada comezou pola Penamoura, xusto despois do viaduto que pasa por riba da autovía, aplicando asfalto e grava fina en todo o percorrido.
A pista non está cortada ao tráfico polo que tanto a empresa e o Concello piden precaución á hora de circular por ela mentres duren os traballos e tamén nas próximas semanas ata que o propio tráfico asente e acurre nas beiras a grava que poida quedar solta.
Estas obras saíron a contratación por 22.700 euros e ao concurso presentáronse 16 empresas que rebaixaron esta cantidade unha media dun 25 por cento. Sen embargo, Canarga Construcciones S.L. foi quen se fixo cos traballos cunha oferta de 14.933 euros, case 7.800 euros por baixo do prezo de saída.
Este importe sufrágase con fondos integramente municipais dado que a obra non estaba incluida nas partidas para este tipo de infraestruturas cofinanciadas por outras administracións, como é o caso do POS provincial ou do PEIM Rural da Xunta e o Estado.











