Comezan as obras de dotación coa rede de abastecemento de auga ao núcleo de Lista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+
Tarefas de mellora

Tarefas de mellora

As obras que contempla o proxecto co que se dotará coa rede de abastecemento de auga ao núcleo de Lista, na parroquia de Lendo, xa están en marcha e nos próximos días os veciños desta zona rural poderán recibir o servizo nas súas vivendas.

A actuación, deseñada polo goberno municipal, está incluída no Plan DTC-94 promovido pola Deputación da Coruña, polo que o Concello da Laracha conta cunha achega provincial para o financiamento do proxecto.

O goberno municipal acordou priorizar a execución desta obra dado que parte da estrada pola que se están a soterrar as tubaxes que levarán o abastecemento de auga ao núcleo de Lista está afectada, tamén, polo proxecto de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha desde a DP-1909 (que dirixe a Baldaio), actuación promovida conxuntamente entre os Concellos da Laracha e de Carballo.

Esta decisión permitirá abaratar os custes da obra de abastecemento, xa que a nova pavimentación dos accesos ao polígono industrial acometerase a continuación, en próximas datas –o proceso de contratación iniciarase na próxima semana-, unha vez estean instaladas e en funcionamento as novas tubaxes.

O Concello da Laracha continúa apostando pola ampliación e mellora das redes de abastecemento e saneamento, realizando un importante esforzo económico tanto con fondos propios como a través da participación en plans provinciais como o DTC-94 e o POS. Ademais de Lista, durante o verán dotouse coa traída de auga a Campo da Porta (parroquia de Lendo). En breve iniciaranse as obras, tamén do subministro de auga, a A Ferraría (Coiro) e A Fonteseca e A Pedra (Golmar). En canto ao saneamento, está proxectado levar este servizo ata os lugares de O Retorno (Lendo), O Igrexario de Soutullo e o tramo entre O Rapadoiro e Coirón (Coiro).

28 de agosto de 2013 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.