Comeza a retirada dos andamios na Casa Consistorial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

A Casa Consistorial empeza a amosar a súa nova cara. Dende onte pola tarde, a empresa Ediserpo, que executa a primeira fase da reforma, está a sacar a andamiaxe que cubre as catro fachadas do nobre edificio da praza de España. Tal e como estaba previsto, onte pola tarde sacouse o andamino da praza onde estaban os baños públicos, e esta mañá comezouse pola fachada principal.

Con este “destape”, xa se poden contemplar os novos panos brancos do edificio de Sesmero. Recuperados coa vella tradición de morteiro de cal e libres de todo tipo de cableado, canalizacións ou elementos de suxeición que até o de agora afeaban as fachadas do Concello.

Na visita que fixo a semana pasada o portavoz do Goberno, Raimundo González aos traballos da primeira fase de reforma do edificio, xa se puido comprobar que estaba rematada a desinfectación, o tellado estaba impermeabilizado e faltaba por instalar a cuberta de zinc. Tamén se traballaba nas fachadas exteriores, e entre as cousas pendentes está a colocación da nova carpintería exterior que será unha das últimas partes desta obra.

8 de agosto de 2013 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.