Comeza a reparación puntual na intersección das rúas Anxeriz e Pardiñeiros no Milladoiro

Tarefas de reparación
Esta mañá comezaron os traballos de reparación na intersección das rúas Anxeriz e Pardiñeiros a cargo da empresa que executou a obra. Esta actuación, que se levará a cabo na zona máis deteriorada desta rúa do Milladoiro, é posible grazas ás xestións que realizou o Goberno municipal coa empresa que no seu día acometeu a reurbanización da zona. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, achegáronse ata a zona para comprobar o inicio das obras. Tras a visita, o rexedor destacou “a importancia destes traballos, cuxo obxectivo é solucionar un problema herdado nesta rúa”. O rexedor engadiu que “con esta actuación puntual tentarase corrixir o forte desgaste que presenta a rúa neste punto” e aproveitou para “pedir, no nome do Concello, desculpas polas molestias que estas obras poden ocasionar a veciños e veciñas da zona”.
O alcalde amiense tamén agradeceu a colaboración e a predisposición ao diálogo amosado pola empresa para levar a cabo esta reparación, na que, despois de retirar os adoquíns, se actuará con formigón para ver o rendemento que experimenta este material. Unha vez que se teste a efectividade desta actuación, avaliaranse as medidas a tomar noutras zonas desta rúa.
Desde hoxe e ata o remate desta actuación, previsto para o luns 2 de setembro, ás 20:00 horas, estarán pechadas ao tráfico provisionalmente as rúas Anxeriz e Pardiñeiros. Deste xeito, non se poderá acceder ás rúas de Anxeriz e Pardiñeiros dende a avenida Rosalía de Castro, a rúa Cruxa, a rúa Agro do Medio e a rúa Raxoeira. Ademais, quedou sinalizado o acceso exclusivo aos propietarios dos garaxes que viven nesta zona. A empresa Xestión Ambiental de Contratas, adxudicataria das obras executadas na rúa Anxeriz entre os anos 2009 e 2010, é a encargada da realización das obras de remodelación.
Estas obras execútanse despois da toma de mostras realizada no pavimento da rúa Anxeriz para determinar o seu deterioro. Cómpre lembrar que a remodelación da rúa Anxeriz rematou no ano 2010 e nestas obras investíronse un total de 1.056.829,38 euros do Fondo Estatal de Inversión Local do Goberno central. Pouco tempo despois, comezaron a producirse os levantamentos do pavimento. Agora vanse levantar os adoquíns que están deteriorados e aplicarase unha capa de formigón.
Tomas de mostras do pavimento
Previamente, no mes de marzo, técnicos municipais, operarios da empresa que levou a cabo as obras na rúa Anxeriz, os directores de obra e traballadores dunha empresa de control de calidade realizaron na rúa a toma de mostras in situ de compoñentes do pavimento. O obxectivo destes traballos, que requiriron o corte ao tráfico da rúa, foi analizar a resistencia dos materiais empregados na obra.
O primeiro dos pasos foi determinar os tres puntos da rúa nos que se tomarían as mostras e marcalos. Despois, procedeuse ao levantamento de adoquíns nestas zonas para que o operario da empresa de control de calidade tomase as mostras de formigón e morteiro, que posteriormente se analizarían para determinar a súa calidade e resistencia.
As mostras tomáronse en tres puntos da rúa nos que se observaban tres aparencias do pavimento distintas. No primeiro caso, atopábase roto o zuncho de formigón e fundido o pavimento. No segundo caso, estaba fundido o cerco dunha arqueta, mentres que no terceiro atopábase fundido o formigón nunha das zonas de rodadura da rúa. En todos estes puntos, tomáronse mostras dos diferentes compoñentes do pavimento para realizar probas en laboratorio. Ademais, supervisáronse outros puntos da rúa indicados por veciños e veciñas.
Esta operación de toma de mostras foi froito das xestións levadas a cabo polo Concello de Ames coa dirección de obra e a empresa adxudicataria das obras de reurbanización da rúa Anxeriz, de cara a determinar e atallar as causas que motivan as deficiencias que presenta actualmente o pavimento.











