Comeza a reforma do lugar do Casal, na parroquia de Salcedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O concelleiro delegado da parroquia de Salcedo, Demetrio Gómez visitou esta mañá o inicio dos traballos de reurbanización de todo o lugar do Casal, na parroquia de Salcedo, que teñen un investimento de 240.000 euros. Esta obra está incluída dentro do Plan vías 2013 que pretende pór ao día as vías do rural (arredor de 150 km) realizando traballos de desbroce, limpeza de cunetas, reparación do firme das estradas; colocando, mellorando ou reforzando a sinalización tanto horizontal como vertical.

A reforma planificada no lugar do Casal inclúe o asfaltado, recollida de pluviais, pintado da estrada, sinalización horizontal e vertical, e tamén calmado de tráfico. Neste último punto, os servizos técnicos municipais fixeron un estudo integral do ámbito do Campo da Porta e do Casal, de tal xeito que a colocación de lombos farase tendo en conta todo o ámbito de estudo, e non só o lugar do Casal.

A actuación no lugar do Casal responde á coherencia de traballo que o Concello de Pontevedra está a introducir nas obras do rural pontevedrés: ir completando ámbitos de actuación. No caso de Salcedo, o Concello reurbanizou e asfaltou a estrada do Campo da Porta, que agora se completa levando os mesmos traballos até o lugar do Casal, completando a estrada até a variante de Marín.

7 de agosto de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.