Comeza a ampliación da biblioteca municipal do Milladoiro que contan cun orzamento de 108.800 euros
Esta semana comezaron as obras de acondicionamento da biblioteca municipal do Milladoiro. Nestes traballos, incluídos nun convenio asinado coa Deputación da Coruña e que leva a cabo a firma Joscón Construcciones, investiranse un total de 108.827 euros. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou o local lindante cara o que se ampliará a biblioteca e no que xa se están realizando traballos de instalación eléctrica e de calefacción.
Tras a súa visita, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, destacou que “as obras de acondicionamento e ampliación da Biblioteca do Milladoiro supoñen cumprir o compromiso do Goberno municipal de dotar ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual”. Os traballos permitirán ampliar a zona de estudo, que actualmente resulta insuficiente para atender a demanda da crecente poboación, na súa grande maioría moza, tanto en idade escolar como universitaria.
Os traballos consistirán no acondicionamento dun local lindante coa actual biblioteca, que pasaría a integrarse como unha nova sala de estudo. Segundo o proxecto das obras, contémplase a creación dunha ampla zona de lectura, área de servizos hixiénicos, cuarto de limpeza e almacén. Ademais, inclúese a comunicación coa biblioteca existente.
O acondicionamento da Biblioteca do Milladoiro está incluído nun convenio asinado polo Concello de Ames coa Deputación da Coruña, que permitiu a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.
Horario das bibliotecas
O Concello lembra que a partir do vindeiro 15 de setembro, as bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns continuarán co horario que nos meses de maio e xuño se empregou de xeito experimental e que tivo unha moi boa acollida entre os usuarios. Deste xeito, as bibliotecas abrirán de 08:30 horas da mañá ás 21:00 horas da tarde, de luns a venres. Os sábados o horario será de 09:00 a 14:00 horas.
Esta ampliación do horario das bibliotecas municipais tivo moi boa aceptación entre a veciñanza amiense nos meses de maio e xuño. Foron moitos os rapaces e rapazas que acudiron a estas instalacións municipais para preparar os seus exames. A ampliación do horario de apertura permitiu reforzar o servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro, especialmente na época de exames. Isto permite dispoñer da zona de estudos durante un horario máis amplo.











