Clausúrase o campamento de lecer Gondoverán

Participantes na clausura
A concelleira de Igualdade, Patricia Durán, clausurou, este mércores, no CEIP Chano Piñeiro o GONDOVERÁN, o campamento de lecer e tempo libre no que participaron 70 nenos e nenas, de entre 3 e 11 anos, durante todo o mes de xullo.
Este último día do Gondoverán serviu para facer un repaso polas experiencias vividas durante todo este mes. De 11.30 e ata as 12.00 horas realizouse un visionado de fotos e vídeos, que recolleron os mellores momentos deste campamento de lecer. Despois deu comezo un espectáculo organizado e elaborado entre os nenos e nenas do Gondoverán, onde houbo espazo para distintas actuacións e ata un desfile de disfraces. Como broche de ouro para a xornada, os rapaces e rapazas puideron gozar dunha sesión ‘disco’ e dunha festa de despedida.
Esta iniciativa, posta en marcha pola Concellaría de Igualdade a través do Centro de Información á Muller e cofinanciada polos fondos da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Igualdade, tivo como obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo, e potenciar o desenvolvemento integral do neno/a a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento do entorno, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables.
Actividades
Durante a primeira quincena, as distintas actividades que se desenvolveron neste campamento xiraron en torno á arte. En Xogando coa arte, os nenos e nenas xogaron a ser artistas contemporáneos e baseándose nas súas obras e nas técnicas utilizadas por estes, seguiron o seu exemplo. Así, seguindo a Jackson Pollock salpicaron os lenzos con témpera; con Judith Scott, “a muller araña”, agocharon singulares tesouros no interior das esculturas e a partir de material de refugallo, las e teas, deron forma aos móbiles de arame de Calder.
Tamén recibiron a visita da escultora Elena Gómez Dahlgrem que lles mostrou as súas esculturas, e lles explicou o proceso de creación da súa obra e o caderno no cal plasmou as ideas previas.
Xa por último, os rapazas e rapaces visitaron os obradoiros da asociación Juan María que tiveron lugar na alameda de Gondomar.
Na segunda quincena, en Eureka! Os inventos os participantes coñeceron cales foron os inventos máis significativos ao longo da Historia e investigaron como se crearon e funcionan as cousas que se utilizan a diario e tamén realizaron bocetos de inventos imposíbeis e obradoiros con material de refugallo. En relación con esta temática, coñeceron a historia da bicicleta e a súa evolución grazas á visita de Jose Luis de “Ciclos Palacios”, que lles impartiu un taller de reparación de bicicletas.
Finalmente os nenos e nenas do Gondoverán fixeron unha ruta guiada para coñecer o petroglifo do Sobral, na parroquia de Couso, onde merendaron e xogaron no merendeiro de San Antoniño e ramataron a xornada cun baño no río de Peitieiros.
Ademais destas actividades, tamén houbo tempo para xogar, facer deportes, cantar, bailar e escribir cartas que logo leron entre todos, sen esquecer do caderno de bitácora para relatar o que nos aconteceu cada día.
A concelleira de Igualdade, Patricia Durán, manifestou o seu agradecemento ao CEIP Chano Piñeiro, por brindar as súas instalacións para o desenvolvemento do campamento, así como a todos os que participaron e fixeron posible esta edición do Gondoverán.











