Clausura do curso preparatorio para exame de graduado en ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
O rexedor na visita aos alumnos do curso

O rexedor na visita aos alumnos do curso

O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, clausurou esta mañá, no Centro Cultural, o curso preparatorio para realizar o exame de graduado en ESO e no que participaron un total de 60 alumnos que durante dous meses recibiron formación sen custo económico ningún para os asistentes.

Perfecto Rodríguez manifestou sentirse moi orgulloso do esforzo realizado, sobre todo daquelas persoas de maior idade, que mantiveron a súa constancia e traballo ata completar este proceso formativo. Así mesmo, o rexedor desexoulles sorte para o exame que terán que realizar en Pontevedra o próximo 12 de setembro.

Esta iniciativa formativa organizada polo Concello de Ponte Caldelas a través da Oficina Municipal de Emprego e Desenvolvemento Local pretende apoiar dende un punto de vista formativo e educativo aquelas persoas que no seu momento non finalizaron esta etapa dos seus estudos e que agora deciden intentalo, co apoio de profesionais da educación coordinados pola administración municipal.

Esta acción vai tamén especialmente dirixida a combater o abandono escolar para o cal se solicitou a axuda da Consellería de Educación, dentro do seu programa de loita para reducir a taxa de alumnos que tras o fracaso escolar abandonan os seus estudos.

Perfecto Rodríguez felicitou os alumnos asistentes que conclúen agora o curso pola súa decisión de retomar os seus estudos e defendeu a necesidade de “adquirir coñecementos e preparación como ferramentas imprescindibles para lograr unha mellor penetración no difícil mercado laboral que temos debido á persistente crise económica”, indicou o rexedor.

O Alcalde de Ponte Caldelas sinalou tamén aos asistentes que esperaba que tivesen aproveitado ao máximo os recursos formativos que o Concello puxo á súa disposición co fin de que poidan sacarlle o maior rendemento posible de cara ao seu exame de graduación.

Os 60 alumnos foron divididos en dúas aulas que recibiron formación simultánea, durante os meses de xullo e agosto, no Centro Cultural os luns, mércores e xoves en horario de 10 a 13 horas. Así mesmo, moitas persoas que así o solicitaron puideron recibir tamén clases de apoio os demais días da semana, a cargo do persoal do propio Centro Cultural de Ponte Caldelas, complementado por unha bolseira financiada pola Deputación Provincial.

Finalmente o Alcalde manifestou o desexo do seu equipo de Goberno de continuar con este labor formativo en sucesivas convocatorias co fin de que o maior número de persoas poidan beneficiarse desta acción e lles sirva para conseguir a graduación en ESO, título imprescindible para lograr unha mellor inserción no mundo laboral.

30 de agosto de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.