Clausura das clases de tenis que se impartiron durante o verán na escola municipal

Foto de familia dos participantes no curso
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Deportes, Cristina Martínez, clausuraron este mediodía a Escola Municipal de Tenis e Padel de verán, á que asistiron nos meses de xullo e agosto máis de 60 persoas, na súa maioría, nenos/as e mozos/as.
A clausura da actividade tivo lugar tras a última clase, nas pistas do Mosteiro (Tomiño) a carón do CEP Pedro Caselles, e consistiu na entrega de sendos diplomas e medallas a cada un dos participantes.
Cristina Martínez, agradeceu a participación das persoas que, cada verán, se apuntan a estas clases, facendo crecer a afección por deportes coma o tenis e o padel. Asemade, a concelleira agradeceu o bo facer do monitor Fabián Gutiérrez Corvetto, que ensina aos seus alumnos e alumnas, a partir dos seis anos, as regras para xogar tenis e padel, tentando que interioricen tamén valores coma o traballo en equipo, o respecto, a organización e a solidariedade.
A clausura desta escola de verán coincide coa celebración dun torneo interno, do cal sairán varios finalistas que participarán nun aberto de tenis, organizado polo Concello de Tomiño, os días 21, 22, 28 e 29 de setembro.











