Chega a Verín a ‘Xira na Memoria’ da Roda
O vindeiro venres 09 de agosto, ás 24 horas, a praza Maior de Verín será testemuña do concerto ‘Xira na Memoria’ de A Roda, no que as voces actuais desta formación musical renderán homenaxe ao fundador do grupo, Adolfo Domínguez Otero “Fito’, falecido o pasado ano.
Esta iniciativa, na que colabora o Concello de Verín, busca amosar o compromiso da formación co público a hora de seguir a facer música por Galicia, continuar co legado do seu fundador, e recordar a súa imaxe e voz en cada actuación.
A Roda, grupo de música tradicional galega, naceu no ano 1976 dun grupo de amigos que se xuntaban a cantar arredor dunha mesa redonda na taberna. O seu primeiro álbum, “A Roda” recolle cancións como Pousa, pousa, O andar miudiño ou O gato, co que conseguirían o Premio da Crítica Galega; e que recollen a necesidade de elaborar un repertorio discográfico de tipo tradicional que reflectise a realidade socio-musical na súa dimensión tabernaria. Tras o éxito seguíronlle LP como “Falemos Galego” e “Pra os amigos”, cos que percorreron toda Galicia e numerosos centros galegos na emigración (Venezuela, México, Panamá, Arxentina, Gran Bretaña, Bélxica e outros), onde sempre gozaron dunha boa acollida e recoñecemento. Despois dunha longa paréntese sen gravar, no 1990 chegou o seu cuarto disco, “Os Mariñeiros”, no que aparece a picaresca e retranqueira cantiga Os bistéqueles. En posteriores anos editaron “Eu teño un compadre”, que significa un punto de inflexión na traxectoria da formación, ou “A roda rodando”. En 1995 a institución a Orde da Vieira nomeou A Roda como mellor conxunto de canción popular galega e galardoou ao grupo cun diploma e a Vieira de Prata á calidade artística. Nese mesmo ano aparece “Os Quintos”, seguido de “Lembranzas”, “Na Branca noite” -unha homenaxe á gran tradición que ten o xénero da panxoliña-, “Onde Galicia é Portugal”, “R.C. Celta-A Roda”, “Aí o vén” ou “O son do camiño”, entre outros discos.











