Cedeira celebra a IX edición dos Xogos Populares e a Travesía a Nado
Cedeira celebrará este sábado dúas citas que, tradicionalmente, congregan centos de persoas na vila: a novena edición dos Xogos Populares e a décimo sétima Travesía a Nado Ría de Cedeira. A xornada comezará con esta última cita, a partir das 17 horas na praza da Marieta. Neste punto, as persoas interesadas en participar terán que recoller o material e formalizar a inscrición se non o fixeron con anterioridade vía email ou telefónica. A travesía dará comezo unha hora máis tarde, ás seis.
As distancias a percorrer serán 100 metros para a categoría promesas; 400 para benxamín; 800 para cría e veteranos e 1.500 para infantil e absoluto. Non hai límite de idade para participar nesta competición. Ao seu termo entregaranse medallas e trofeos para os mellores, así como para o participante máis novo e para o máis veterano. Esta cita deportiva está organizada polo Club Natación Cedeira Mobles García e conta coa colaboración do Concello, a través da Concellaría de Deportes, e de distintas firmas comerciais.
A tarde continuará entón cos tradicionais Xogos Populares. Entre o ponte vella e nova, o Concello abrirá a inscrición para as probas ás 17,30 horas e, ao termo da travesía, comezarán as actividades: regata de chalanas por parellas, carreiras de sacos, cucaña mariña, carreira de carretas en parellas, tirada de corda para equipos mixtos e “caza” do parrulo. Probas pensadas para maiores de 15 anos, que contarán con premios en metálico para os mellores en cada caso.











