Catas e visitas guiadas á horta de froiteiras do país na Feira Rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Unha das actividades principais da V Feira Rural é o concurso de froita do país organizado en colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume. O concurso está aberto a quen teña variedades da terra e queira expoñelas e, ademais, ter a oportunidade de levar un dos tres primeiros premios e a seguridade de facerse cun agasallo só por participar. A iniciativa persegue por en valor a froita que de sempre produciu a comarca e, ademais, recuperar aquelas especies en perigo de extinción.

Cada persoa poderá presentar cantos lotes de froita queira sempre que cada un deles sexa da mesma variedade e teña un peso mínimo de 2 quilos, aínda que o xurado pode admitir cantidades inferiores se a súa rareza ou o tamaño das pezas o xustifican.

Os lotes deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, o Eume, o Ortegal ou Betanzos e as persoas interesadas poderán inscribirse desde hoxe mesmo a través da conta de correo agfaeume@gmail.com, no Concello e mais o propio día 24 no recinto da feira entre as 10.30 e as 11.30h.

A Comisión de Inscrición estará formada por 2 expertos da AGFA, mentres que o xurado integrarano un representante do Concello, dous da asociación e un cuarto que actuará como secretario custodiando as follas de valoración. Todos os participantes levarán como agasallo un pé dunha froiteira do país, pero os tres primeiros premios -valorados en 100 euros cada un- resérvanse para o mellor conxunto de lotes de variedades, para a mellor variedade e para aquel lote que mostre a mellor escolma dunha variedade en perigo de extinción. Os cestos premiados sortearanse -xunto cos achegados pola AGFA do Eume- ás 14.00 e ás 19.00h.

As bases completas poden consultarse nesta ligazón en pdf, onde tamén se reflicten os horarios de xulgamento e de entrega de premios, prevista para as 14.00h.

Visitas guiadas e catas

O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal. De feito, ás 12.00h. hai organizada unha cata degustación de viño elaborado coa caste autóctona Branca Lexítima e de sidra producida a partir de mazás do país. A actividade estará dirixida por un técnico do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.

A cata complementarase con dúas visitas guiadas -unha ás 11.30 e outra ás 16.00h- á horta de froiteiras autóctonas situada ao carón da feira. Un campo xestionado pola AGFA do Eume que reúne a practica totalidade de variedades da comarca e no que se imparten varios cursos ao longo do ano sobre poda e outros traballos agronómicos relacionados coa produción froiteira.

No mesmo recinto da horta encóntrase o apiario didáctico do Concello, que se poderá visitar ás 12 e ás 12.30 e ás 17.00h. Nesta instalación xestionada pola sección de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura hai varias colmeas onde tamén se imparten cursos, moitos deles orientados a escolares de cara a que aprendan a importancia das abellas no ciclo de crecemento das plantas.

Por último, a V Feira Rural tamén contará cunha exposición permanente de cans de raza Palleiro e de galiñas de Mós, dúas das dez razas animais incluídas nos programas de recuperación e mellora impulsados pola Xunta en colaboración coas asociacións de criadores.

23 de agosto de 2013 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.