Caión acollerá o seu II Concurso de Carrilanas Acuáticas da Laracha
A vila de Caión celebrará mañá sábado a segunda edición do concurso de carrilanas acuáticas Atrapa a balea que organiza a Peña Royal coa colaboración do Concello da Laracha.
Nesta novidosa e divertida proposta de ocio, os artiluxios acuáticos, realizados de xeito artesanal polos participantes, deberán percorrer unha distancia duns cincocentos metros desde a zona da Ribeira e ata alcanzar a balea que a organización situará nalgún punto do porto. Serán premiados os tres primeiros en alcanzar o obxectivo.
O evento principiará ás 17.30 horas.
Unha vez rematado o concurso, o grupo de baile Xacarandaina ofrecerá unha actuación a partir das 20.00 horas no porto de Caión, sendo a primeira actividade que se vai desenvolver nestas instalacións trala súa apertura, hoxe venres, despois de rematarse as obras de ampliación do peirao.
Por último, salientar que a Festa do Mexillón, prevista tamén para mañá sábado en Caión, foi aprazada por causas alleas á organización.











