publicidade hoxe

Cabanas, Fene e Pontedeume presentan as novas guías de turismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanasFeneLocalLocal PortadaPontedeume
A-
A+
Presentación das guías

Presentación das guías

A nova guía de turismo editada polos concellos de Cabanas, Fene e Pontedeume tivo na xornada de hoxe a súa posta de largo. No Concello de Cabanas os actos da súa presentación tiveron lugar na tarde, logo de que durante a mañá o protagonismo correra a cargo de Fene. As cinco da tarde celebrouse no Hotel Sarga de Cabanas a presentación na que estivo presente ademais do Alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, Manuel de Santiago, deputado provincial, acompañados de concelleiros tanto de Cabanas como de Pontedeume e Fene.

Manuel de Santiago quixo no seu discurso resaltar a importancia que a Deputación da Coruña ten a hora de axudar e colaborar con pequenos concellos, sobre todo en iniciativas como a desta guía na que se xuntan os esforzos de varios municipios. “Dende o primeiro momento que chegou este proxecto á Deputación da Coruña tivemos claro que era prioritario conseguir levalo adiante. Nestes momentos a Deputación debe ter como principal obxectivo o de axudar e colaborar con iniciativas como esta na que se pretende fomentar uns recursos tan importantes como son os do turismo.”

Germán Castrillón pola súa parte mostrábase moi satisfeito co resultado obtido e mostraba a súa confianza en que este non fose máis que o primeiro paso a dar nun proxecto que lograse agrupar a todos os concellos da comarca do Eume. “Estamos convencidos de que a comarca ten un gran atractivo e un potencial turístico moi importante. Por ese motivo esta iniciativa e outras semellantes que busquen dinamizar o turismo na comarca deben ser apoiadas e promovidas polas institucións públicas. Agora nesta guía estamos a colaborar tres concellos, pero eu agardo e estou convencido de que en futuros proxectos apuntaranse os restantes municipios do Eume.”

Pola súa banda, a Concelleira de Turismo e Medio Ambiente de Cabanas, Eva Pazos, tivo no seu discurso unhas verbas nas que resaltaba a importancia de proxectos integradores como o desta guía de turismo. “É tempo de deixar de falar do que é noso ou non o é. Debemos de xuntar esforzos e traballar en conxunto para lograr acadar maiores metas. Neste sentido é no que se orienta esta guía de turismo na que Cabanas, Fene e Pontedeume mostran ós visitantes todo o que teñen que ofrecer.”

Os actos desta presentación continuaron cunha visita á Caseta de Información Turística que o Concello de Cabanas ten no seu Parque do Areal, á entrada mesma do municipio, e un posterior paseo pola Praia da Madalena, un dos reclamos máis importantes a nivel de turismo dos que dispón o Concello de Cabanas. Todo rematou posteriormente coa visita ó Embarcadoiro do Día Oito e á gamela “Anduriño”, na que o Concello de Cabanas o ano pasado realizou unha serie de visitas pola Ría do Eume e que pensa repetir nesta temporada dado o gran atractivo que isto supón e o éxito acadado por esta iniciativa.

10 de agosto de 2013 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.