Brión converterase na vindeira semana na capital nacional da cerámica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+

O municipio de Brión acollerá do 14 ao 18 de agosto a IV Gran Quedada de ceramistas, organizada a través do Foro de Cerámica de Manises. Unha iniciativa cultural na que participarán prestixiosos ceramistas de diferentes puntos de España, Bélxica e Francia, que compartirán técnicas e experiencias nuns obradoiros prácticos abertos todos os que se acheguen polas instalacións de Cerámica Unzueta, en Lamiño (Brión).

No encontro participarán entre 25 e 30 ceramistas, que serán recibidos o mércores 14 de xuño polo alcalde de Brión, Xosé Luís García. O anfitrión desta quedada, Nano Unzueta, explica que “se trata dunha iniciativa na que os propios participantes somos, á vez, mestres e alumnos, xa que impartimos os obradoiros nos que somos especialistas e participamos como alumnos nos demais”.

Así, quen se achegue entre o 14 e o 18 de agosto por Brión poderá ver in situ como se constrúen fornos de papel “de acordo cuns planos enviados por un ceramista arxentino que é moi sinxelo e moi axeitado para aquelas persoas que se dedican á cerámica por afección”, sinala Unzueta. Ademais, tamén se construirá un forno de biomasa, que tarda máis en quentar pero que supón un aforro económico para os ceramistas en combustible.

Obradoiros

Outras das actividades que máis interese ten espertado entre os participantes é a reprodución de supermoldes, “moldes con escaiola, material que absorbe a humidade do barro, e que permite reproducir unha peza”; así como os distintos obradoiros programados: fabricación de ferramentas para traballar en cerámica, técnicas sobre porcelana en cru, iniciación e intercambio de experiencias sobre esmaltes en cinzas, etc. “Eu explicarei como facernos as nosas propias ferramentas, pois é algo que encarece moito esta actividade e que tes que repoñer continuamente. Eu fixen as miñas antes de vir a vivir a Brión, hai 15 anos, e aínda serven perfectamente”, explica Nano Unzueta.

Ademais, durante eses cinco días realizaranse demostracións de cocción de esmaltes en fornos de biomasa, de cocción de esmaltes de cinza e porcelanas, de tornos de moldeado, de preparación de esmaltes… Entre elas, destaca as fornadas rakú do sábado 17 de agosto, ás 22:00 horas. “O rakú é un tipo de fornada tomada do mundo xaponés”, explica Unzueta, “cando metemos unha peza no forno, tarda entre 7 ou 8 horas en facerse e despois hai que deixala arrefriar. O rakú está vencellado á cerimonia do té, polo que non poden agardar ese tempo e fan pezas máis ásperas con media hora ou unha hora de cocción. É unha técnica moi inmediata e moi espectacular, pois sacas a peza a alta temperatura e despois tela na man en pouco máis de 15 minutos”.

7 de agosto de 2013 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.