Brión conmemora o século de vida da Fonte de Santa Minia

A fonte en 1913 e a súa remodelación en 2006
A fonte de Pedrouzos, situada na entrada da carballeira de Santa Minia, cumprirá mañá venres un século de vida. A fonte foi inaugurada o 30 de agosto de 1913 para conmemorar o primeiro ano de vida da feira de Pedrouzos, que chegou a ser unha das máis importantes da contorna e do que hoxe en día tan só quedan vestixios nos mercadiños dos martes.
A Fonte de Santa Minia foi deseñada e construída polo escultor compostelán Xosé Rivas Rodríguez, aínda que a estatua de Mercurio que a coroa é obra de Manuel Cornes, un coñecido canteiro de Calo (Teo). Debe o seu nome ao seu emprazamento na carballeira de Santa Minia e naceu como un complemento sanitario e ornamental dunha das mellores feiras que se celebraron na comarca, dende que fora trasladada aló a de Trasmil (Agrón). A primeira destas feiras que tanta vida e riqueza trouxeron a Brión durante a primeira metade do século XX tivo lugar o 30 de marzo de 1912. A feira tiña periodicidade mensual e se celebraba o sábado anterior ao último domingo de cada mes.
O principal vencello entre a fonte e a feira ten nome propio: Vicente Ramos. Este veciño do Tremo (Brión), que tiña importantes negocios en Bos Aires, foi o principal impulsor da Feira de Brión, financiou a construción da fonte e catorce anos máis tarde dooulle ao Concello de Brión o alpendre onde estaba a alfóndega da feira para que construíse as dependencias municipais e o xulgado (un edificio que hoxe está destinado a Casa da Cultura).
Características da fonte
A Fonte de Santa Minia consta dunha pía octogonal e no medio unha pilastra tamén octogonal con catro canos en figura de león botando a auga pola boca. Ten trazas do estilo modernista, que estaba en auxe naquela época. A fonte foi construída polo escultor compostelán Xosé Rivas Rodríguez (1889-1951), que tiña un importante taller de escultura na rúa do Vilar dende o ano 1909. El foi quen esculpiu o grupo de figuras que cobren o frontón da fachada da Facultade de Medicina de Santiago; e deixou tamén infinidade de imaxes nas igrexas do val da Amaia.
Sen embargo, a estatua de Mercurio é de autoría dun coñecido canteiro da Rúa de Francos (Calo-Teo) falecido hai uns 40 anos chamado Manuel Cornes. O seu nome figura na base da escultura, que é de cemento. A estatua é unha clásica representación do deus dos gregos Hermes, que os romanos chamaban Mercurio, é o deus do comercio. Ademais de protector do gando e das transaccións mercantís, era mensaxeiro dos deuses; por iso se representa con ás na pucha e mais nas sandalias; na man ergueita amosa o caduceo (dúas serpes enroladas nunha vara de oliveira, formando un oito, símbolo do equilibrio e do movemento cósmico).
A captación e condución da auga para abastecer a fonte foi moi traballosa, pois o manantial está a unha distancia de medio quilómetro, no lugar de Aguiar. Á captación acédese dende a estrada xeral por unha galería subterránea de máis de cen metros de longo. A auga conducíase por un entubado de cerámica, que se mantivo ata hai uns 25 anos, cando se urbanizou a avenida de Santa Minia e se instalaron as beirarrúas. Tanto a fonte como a estatua de Mercurio foron rehabilitadas en 2006 polos obreiros municipais de Brión, que tamén acondicionaron o seu entorno.
Na actualidade, a fonte centenaria de Pedrouzos sigue presidindo a carballeira de Santa Minia. No canto da gran feira mensual, agora preside o tradicional mercadillo dos martes.











