Begoña Freire presenta a web do PMUS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, presentou esta mañá a páxina Web do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (www.coruna.es/pmus), que forma parte do traballo de elaboración do PMUS. De estrutura sinxela e que evita tecnicismos, os eixes do novo portal de mobilidade son a información e a participación. “É unha porta aberta á mobilidade sostible, un portal de información, concienciación, sensibilización e participación, que permitirá que a toma de decisións sexa máis universal,”, indicou.

Esta nova ferramenta se suma ás reunións e mesas de traballo, aos estudos demoscópicos rigorosos e ás entrevistas en profundidade con asociacións, colectivos e entidades implicadas, que “permitirán que entre todos decidamos as medidas a levar a cabo na cidade nos próximos anos en materia de mobilidade”.

Begoña Freire resaltou que o Plan de Mobilidade “non” é un documento para o estante” e que a participación coa que se está a elaborar é un dos aspectos que máis valor engadido lle achegará. Este goberno municipal -engadiu- quere un PMUS transparente, de carácter aberto, sen decisións prefixadas e o que é máis importante: elaborado por e para todos”.

A concelleira destacou que a Web inclúe unha enquisa online, que se poderá completar de forma cómoda e en calquera momento. Para aquelas persoas que prefiran participar vía telefónica, habilitouse un número de teléfono (981.167317), que está dispoñible en horario de 9.00 a 21.00 horas. “A concienciación e implicación de todos é vital neste proxecto. A web permitirá que, a golpe de clic, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible chegue a todos”, sentenciou a concelleira de Tráfico e Mobilidade.

12 de agosto de 2013 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.