Balance dos servizos na área de xuventude ofrecidos polo concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, informou, esta mañá, do balance dos servizos ofrecidos pola área de Xuventude no curso 2012/2013 e destacou o acerto que supuxo a nova programación de actividades xa que aumentou a demanda xuvenil para participar nelas: “Cada ano ofrecemos máis prazas para as actividades de Nocturnia, o número de usuarios dos locais de ensaio increméntase e as visitas tanto ao Centro Municipal de Información Xuvenil coma á súa web aumentan considerablemente”, asegurou.

Tal e como informou o concelleiro, dende outubro de 2012 a agosto de 2013, o programa Nocturnia ofreceu un total de 3.240 prazas para mozas, das que 1.540 se ofertaron no primeiro semestre de 2013, o que supuxo alcanzar en 6 meses case a totalidade de prazas do 2012 completo: “A gran demanda e a ocupación do 93% das prazas en 2012 obrigounos a incrementar non só o número de actividades, senón tamén a capacidade destas”, informou Mourelo, quen recordou que o obxectivo do programa é que os participantes se divirtan á vez que se forman e se integran na sociedade.

Neste sentido, as actividades estruturáronse nas seguintes tres grandes áreas: físico-deportivas, artístico-culturais e lúdico-didácticas. Ademais ofrecéronse 70 prazas dun novo programa de accións formativas continuadas para mozos de 18 a 30 anos, con cursos e talleres no ámbito do ocio saudable, a participación e o emprendimiento xuvenil: “A todo isto se suma nosa aposta polo ocio saudable xuvenil coa realización do primeiro campamento de verán para alumnado de Secundaria”, anunciou e engadiu: “Ofrecéronse 90 prazas e foi todo un éxito tanto en participación coma en valoración, xa que os mozos puntuaron cun 8,76 sobre 10 esta actividade que propoñía a práctica de deportes alternativos combinada con outras actividades lúdico recreativas e ambientais”.

LOCAIS DE ENSAIO

Mourelo tamén se referiu ao éxito de participación dos locais de ensaio: “As novidades postas en marcha dende a chegada deste equipo de goberno permitiron que o número de usuarios se incrementase nun 23% e o de grupos nun 27% con respecto a 2011”, sinalou. En total, 152 usuarios e 42 grupos musicais utilizaron este servizo, que ademais se complementou coa realización de 3 concertos solidarios aos que asistiron 1.099 persoas, un 40% máis que en 2011, e se impartiron 18 accións formativas con 413 asistentes.

O concelleiro recordou que entre as principais novidades introducidas nos últimos meses destacan a ampliación do horario de apertura e a posibilidade de utilizar os locais os 7 días da semana. Ademais contouse cos grupos para eventos organizados polo Concello e establecéronse colaboracións tanto con casas de instrumentos para accións formativas coma con diversas asociacións para desenvolver un programa de saúde musical.

CMIX

En canto ao Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), neste curso que acaba de finalizar, houbo un maior número de visitas, de consultas, de visitas á web, de número de carnés novo expedidos e de subscricións de información: “Todos estes servizos viron incrementada a demanda entre un 10 e un 25% “, asegurou.

Francisco Mourelo concluíu avanzando que a Concellaría seguirá traballando na mesma liña xa que está a dar magníficos resultados e engadiu que se está a realizar un labor de conxunto dende Educación, Xuventude e Deportes para conseguir non só unha axeitada formación escolar dos mozos, senón para formalos noutros aspectos como a concienciación ambiental, a aposta por uns hábitos de vida saudables, ou o apoio á creatividade e talento xuvenil, ademais de apoio ao emprendimiento. Neste sentido recordou o éxito do programa Coruña Educa que este curso incorporou 11 novos programas nos que participaron 8.639 alumnos e 1.735 familias e se ofreceron 7.012 horas de programas e competicións: “Para conseguir o éxito de participación é importante o traballo en equipo e dende o Goberno local inténtase traballar tanto cos mozos, os pais e os docentes, coma con asociacións e entidades que nos fan as súas propostas á hora de deseñar todos os programas de actividades. Así é como logramos acertar cos gustos e necesidades dos nenos e mozos”, concluíu.

22 de agosto de 2013 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.