Asinouse o convenio para a celebración do partido de baloncesto entre España e Macedonia

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

Asinouse o convenio para a celebración do partido internacional de baloncesto entre España e Macedonia, que se celebrará o martes 20 de agosto no Multiusos Fontes do Sar. O acordo foi subscrito polo alcalde compostelán, Ángel Currás; a concelleira de Turismo e presidenta de INCOLSA, Reyes Leis; o presidente da Federación Española de Baloncesto, José Luis Sáez; e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín.

Francisco Martín, José Luis Sáez, Ángel Currás e Reyes Leis

Francisco Martín, José Luis Sáez, Ángel Currás e Reyes Leis

O alcalde destacou a importancia de ter en Santiago un “evento de primeiro nivel” como este, preparatorio do Eurobasket 2013 que se celebrará en Eslovenia, onde España aspira a conseguir o seu terceiro campionato europeo consecutivo. Referiuse tamén ao aspecto de “difusión da imaxe da cidade” que terá este partido, xa que será retransmitido en directo por Televisión Española.

Para Ángel Currás, este encontro tamén é un “recoñecemento” ao traballo do Obradoiro, que en certo modo se veu recompensado co debut como internacional dun dos seus xogadores, Alberto Corbacho. Finalmente, o alcalde desexoulle sorte á Selección Española, agardando que o Apóstolo lle axude a conquistar o título do Eurobasket.

Pola súa parte, José Luis Sáez expresou a satisfacción pola volta da Selección Español absoluta a Santiago despois de bastantes anos. Aproveitou para mostrar as condolencias á cidade pola traxedia de Angrois e anunciou que ese día 20, data do partido, o equipo realizará unha ofrenda na Catedral en lembranza das vítimas. A Selección tamén será recibida en Raxoi.

Sobre o ritmo de venda de entradas, o presidente da FEF indicou que a penas quedan 700 dispoñibles das 6.000 postas á venda, o que fai prognosticar un “cheo” no Multiusos Fontes do Sar. Afirmou que o habitual é que o 40% das entradas se vendan nos últimos 4 ou 5 días pero que, no caso de Santiago, “se desbordaron as previsións”.

15 de agosto de 2013 | 01:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.