As XXX Xornadas de Folclore achegarán Europa, Asia e América ao municipio verinés
A partir das 22.30 horas, a praza García Barbón de Verín acollerá este domingo 11 de agosto as XXX Xornadas de Folclore, nas que estarán representadas Europa, Asia e América, a través das actuacións de Belaya Rus (Bielorrusia), Bafopaz (Bolivia) e Panama ng LuzViMinda Philippine Folkloric Dance Company (Filipinas).
As mesmas están organizadas pola Deputación Provincial de Ourense, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Concello de Verín. Belaya Rus’ Folk Dance and Music Ensemble foi creada no ano 1946 como unha sección máis do Pazo de Cultura da Xuventude de Minks, capital de Bielorrusia, sendo unha das máis antigas do país. Ten a honra de estar considerada como o exemplo a seguir no estudo, tratamento e posta en escena do folclore bielorruso. O repertorio do grupo está composto por bailes, cancións e músicas das diferentes rexións de Bielorrusia, reunindo deste xeito unha gran variedade de tradicións, de características e modos de actuar, así como un colorido vestiario, sendo este outro dos aspectos polos que se destaca Belaya Rus. Os tecidos, os peculiares bordados, o colorido e a decoración dos distintos traxes tradicionais son un elemento fundamental nas actuacións do grupo bielorruso. A orquestra está composta por dez músicos que cos seus violíns, frautas, clarinetes, guitarras e acordeón poñen o ritmo aos bailes tradicionais cheos de virtuosismo, elegancia e asombrosos saltos e piruetas que ao longo da súa dilatada historia foron mostrando por festivais de todo o mundo, acadando o aplauso e recoñecemento tanto de organizadores como público e crítica.
O Ballet Folklórico de la Paz (Bafopaz) é unha institución creada en 2006 que se dedica ao campo da investigación, ensinanza e posta en escena dos bailes e danzas tradicionais bolivianas. A pesares da corta historia deste grupo, xa ten percorrido gran parte do país andino, así como diferentes países americanos e europeos, sendo esta a segunda vez que veñen a Ourense. O seu variado repertorio tanto musical como coreográfico, o vestiario e a súa riqueza escénica e interpretativa fai que Bafopaz sexa un dos grupos con máis proxección dentro do folclore boliviano. Os seus espectáculos ofrecen un percorrido polas diferentes rexións de Bolivia, o que nos permite, a través dos distintos ritmos, coñecer a totalidade do folclore boliviano.
Panama ng LuzViMinda Philippine Folkloric Dance Company é un grupo de canto e baile tradicional filipino creado en 2005 pola comunidade emigrante do país asiático en Montreal, Canadá, co obxectivo de dar a coñecer e manter viva a cultura tradicional filipina entre os mozo que viven lonxe da terra das súas orixes, inculcando os sentimentos de identidade, de aprecio e dignidade sobre as súas tradicións. Coa intención de medrar como grupo tanto en calidade artística como humana, ten organizado numerosos obradoiros de baile tradicional no que colaboraron as máis prestixiosas agrupacións de folclore de Canadá, como Folklorico Filipino, que ten pasado polo noso festival en edicións anteriores. O grupo mostra un variado repertorio de bailes e cancións das diferentes illas de Filipinas, aterezzado cun colorido vestiario, que vai dende os traxes indíxenas até o vestiario introducido polos españois e que pouco a pouco foi evolucionando. Durante o seu curto percorrido pola historia de folclore, o grupo xa ten participado nos festivais máis importantes de Canadá, no 2010 cruzaron o Atlántico para participar en festivais de Francia e este ano visitan por primeira vez o noso país.
Con todo non será a única actividade musical prevista para esa xornada, xa que no marco da VIII Feira do Viño de Monterrei e no recinto feiral da praza da Mercé, a partir das 20.30 horas, será a quenda para as actuacións musicais, a partir das 20.30 horas, das asociacións de mulleres rurais “A Ribeira” (Vilaza), “Toural” (Mandín), “Monterrei” (A Pousa), “25 de Xullo” (Albarellos), “As Candelas” (Pazos), “Santa María de Tamagos” (Tamagos) e “San Pedro” (Queizás); así como do grupo musical e de baile Candaira.











