As rúas de Cedeira acollerán este venres a tradicional Carreira Popular

Participantes nos “Castelos de area”
As rúas da vila de Cedeira acollerán mañá venres a tradicional Carreira Popular que, todos os anos, se celebra no marco da programación das Festas Patronais. Organizada polas Concellarías de Deportes e de Turismo, prevé reunir ao menos a mesma cifra de participantes que na pasada edición, cando se deron cita máis de duascentas persoas. O evento poñerá fin á programación de actividades da Semana Infantil.
Baixo o lema anímate e fai deporte en familia! “, a carreira partirá do Parque do Sagrado Corazón, en pleno centro da localidade, ás 20 horas e todos aqueles interesados en participar deben formalizar a súa inscrición e recoller os seus números nese mesmo punto unha hora antes do inicio da marcha.
Nesta poden participar persoas de todas as idades, dende cero anos e sen límite e o recorrido discorrerá principalmente polas rúas da zona vella e nova da vila. Así mesmo, o Concello de Cedeira agradece a colaboración prestada por parte de Protección Civil e Policía Local, cuxos efectivos se encargarán de velar pola seguridade da actividade.
Castelos na area
Esta mañá, o Concello trasladaba as actividades da Semana Infantil da súa localización habitual, no Parque do Sagrado Corazón, á praia da Madalena. Alí un bo número de nenos e nenas participaron nunha cita xa clásica na programación: o Concurso de Castelos na area.











