publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As Pontes celebra con dúas noites de música o primeiro aniversario da súa praia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+

A praia de As Pontes ven de cumprir o seu primeiro aniversario de apertura ao público e para conmemorar data tan relevante o Concello de As Pontes, coa dirección do departamento municipal de Cultura, se apostase por organizar unha festa por todo o alto para esta  fin de semana.

E é que, dende hai un ano, o areal pontés é todo un atractivo turístico non só para que os veciños e veciñas de As Pontes desfruten das súas augas, senón tamén para visitantes doutros concellos e ata comunidades autónomas e iso é motivo máis que de celebración para unha aposta turística que se está a converter en todo un éxito.

De feito, tal día coma onte pero de 2012 moitos ponteses e pontesas se achegaban ata a praia do lago para meter, por primeira vez, os seus pés nas súas augas e desfrutar da festa de apertura deste atractivo espazo natural.

Esta fin de semana de seguro que tamén moitos e moitas desfrutarán tanto das augas do Eume, do Carracedo ou do Meidelo e do programa musical que servirá para conmemorar esta data. Será mediante dúas noites de concertos que arrincarán mañá mesmo e que servirán para conmemorar este primeiro aniversario da praia de As Pontes.

O venres á tarde teremos actividades con acceso libre a unha atracción que se ubicará na zona – coches de choque – que serán gratuítos en horario de 17.00 a 22.00 horas para todos aqueles que se pasen polo areal pontés, acceso gratuíto a esta atracción que tamén se repetirá na xornada de mañá sábado.

Xa para a noite do venres teremos tamén música co grupo homenaxe a Dire Straits, Brothers in Band, que protagonizará un  concerto dende as 22.00 horas e que será gratuíto, recital no que soarán os ritmos e pezas máis coñecidas da banda que lideraba Mark Knopler.

E para o sábado, dende a organización do evento, apostouse por unha mestura de diferentes xéneros que van dende a música disco ata os sons máis punk, os ritmos galegos ou incluso a música ska e tamén para actividades doutro tipo.

Ás 21.00 horas arrincará este peculiar concerto que se abrirá coa actuación da Magnifique Band dos Homes Sen Medo que, dende a súa fundación no 2007, percorren as cidades galegas mesturando estilos tan dispares coma o jazz, o dixie, o rock ou o funky. Todo isto aderezado con humor , coreografías disparatadas e logrando a participación do público en cada unha das súas actuacións.

Posteriormente, subirán ao escenario os ponteses Bourbon Queen que levarán aos presentes dende a música do século XVIII aos anos 70 nunha actuación na que o blues e o rock duro desta década serán os protagonistas.

E de As Pontes a Barcelona porque o sábado visitará o municipio o grupo catalán Txarango que dará conta do bo resultado da fusión da música latina, o pop e o funk no areal pontés.

Tamén estarán en As Pontes os máximos representantes do gastropunk galego, Terbutalina, que  presentarán os divertidos temas e letras que incluen en traballos coma Live in Catoria, Ritmo Serbio ou Hostias para todos.

E como fin de festa toca escoitar os ritmos máis discotequeiros e populares deste verán da man do dj xixonés Pimp que mesturará esas cancións que máis se escoitan en todas as discotecas con sons coma o hip hop, o jazz, o electro e ata o rock.

Dende o departamento municipal de Cultura, organizador desta festa, animaron a todos os veciños tanto de As Pontes coma dos concellos da contorna a desfrutar desta especial mestura musical para conmemorar, tal e como ben se merece, este primeiro aniversario do areal pontés.

22 de agosto de 2013 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.