As piscinas do Concello de Teo colaboran na recollida de produtos para o Banco de Alimentos

Banco de Alimentos
As tres piscinas municipais colaboran co Departamento de Servizos Sociais do Concello de Teo na recollida de comida para o Banco Veciñal de Alimentos. Farano durante os próximos días ata o vindeiro xoves 29 de agosto no horario habitual de apertura das tres piscinas municipais: a Piscina Municipal Cuberta da Ramallosa e as piscinas ao aire libre dos Tilos e de Luou.
O Banco Veciñal de Alimentos de Teo (BVA) funciona grazas a colaboración desinteresada de quince voluntarios/as e de varias empresas locais desde hai xa uns meses. O Banco funciona de forma habitual mediante unha recollida e distribución semanal, que actualmente atende a dez familias de forma estable, do cal se pode informar chamando ao teléfono 981 809 707, tanto para a entrega de produtos como para solicitar a súa recollida.
Durante os vindeiros días preténdese estimular esta recollida de xeito puntual cos puntos establecidos nas tres piscinas para garantir un fondo suficiente de produtos para redistribuír nas vindeiras semanas.
Desta vez, desde o Departamento de Benestar municipal e dende o BVA recoméndase preferentemente a doazón de leite e conservas, así como de produtos non perecedoiros, que permitan alongar no tempo a distribución dos alimentos entregados nesta recollida puntual.
Os horarios de recollida son os de apertura das tres piscinas: a Piscina Municipal Cuberta da Ramallosa funciona no horario de 7.30 a 14 h e de 16 a 21 h de luns a venres mentres que os sábados abre de 10 a 14.30 h e os domingos de 11 a 14 h.
Por outro lado a Piscina de Luou funciona de 16 a 21 h de luns a venres mentres que as fins de semana faino de 11 a 14 h e de 18 a 23 h.
A Piscina dos Tilos mantén o mesmo horario todos os días, abrindo de 11 a 14 e de 18 a 23 h.











