As parroquias de Biduido, Piñeiro e Trasmonte están de festa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

Co remate das festas da Peregrina en Bertamiráns, os veciños e veciñas do municipio amiense poden gozar durante estes días de varias celebracións que terán lugar nas parroquias de Biduído, Piñeiro e Trasmonte.

Biduido

Deste xeito, os días 15, 16 e 17 de agosto celébranse na parroquia de Biduído as festas na honra á Nosa Señora, festividade que se organiza cada ano nesta parroquia amiense.

Nos tres días que dura esta festa celebrarase unha misa solemne ás 13:00 horas. Na xornada de mañá, xoves 15 de agosto, tras os festexos relixiosos terá lugar unha sesión vermú a cargo da orquestra Añoranza, que se encargará tamén pola noite de encher de luces e son a primeira xornada das festas.

O venres, a sesión vermú correrá a cargo da orquestra La Red, que tamén será a protagonista da verbena nocturna. Por último, o sábado, 18 de agosto, as festas de Biduído rematarán cunha sesión vermú e verbena que estarán amenizadas polo grupo Nuevo Ritmo.

Trasmonte

A parroquia amiense de Trasmonte tamén estará de festa o xoves e o venres en honra á Nosa Señora e ao Sacramento. Nas dúas xornadas, celebrarase ás 13:00 horas unha misa solemne e tanto o xoves como o venres a sesión vermú e a verbena correrán a cargo da Orquestra NBA e do Dúo Menfis.

Piñeiro

As celebracións estivais seguirán no municipio durante a fin de semana, na que será a quenda das festas de Piñeiro, que se celebrarán o sábado, domingo e luns. Na xornada do sábado, 17 de agosto, terá lugar unha misa ás 13:00 horas na honra da Virxe do Carme. A sesión vermú e a verbena contarán coa actuación do grupo Chilaba.

O domingo, 18 de agosto, en Piñeiro terá lugar unha misa ás 13:30 horas na honra do Sacramento na que actuará o Coro de Piñeiro. Nesta ocasión, a sesión vermú e a verbena correrán a cargo da Orquestra Embajadores. As festas de Piñeiro rematarán o luns, 18 de agosto, coas celebracións relixiosas na honra a San Roque e á Sagrada Familia. A misa solemne será ás 13:00 horas e será cantada polo coro de Piñeiro.

14 de agosto de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.