As obras do parque municipal Raíña Sofía estará rematado a finais de ano

Visita ás obras
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou as obras de apertura á cidadanía e mellora da accesibilidade do parque municipal Raíña Sofía, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia Pérez. A visita permitiu ao rexedor municipal supervisar as actuacións realizadas neste entorno, así como os traballos de pavimentación que se están a executar no cruzamento das rúas Máximo Ramos e Barrie de la Maza.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade manifestou que estas actuacións urbanísticas de gran importancia para os barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Canido “non só cumprirán os prazos de execución senón que se anticiparán, xa que as obras do Raíña Sofía acabarán este mesmo ano”. Ao fío disto, encomiou a boa coordinación das catro empresas que están a realizar estas intervencións no parque municipal e nos arredores do mesmo coas conexións de apertura co barrio de Canido e o centro da cidade. E, ao fío, o rexedor explicou que a zona da rúa Barrie de la Maza situada nas inmediacións dun centro escolar da cidade estará rematada para o inicio do curso académico, mentres que o resto da vía será rematada posteriormente.
O proxecto de apertura e mellora da accesibilidade do parque municipal Raíña Sofía, que está recollido no proxecto de cidade Ferrol 2020, conta cun presuposto de adxudicación que ascende a un total de 362.577,04 euros (incluídos o 21% de IVE). A intervención que responde ás demandas da cidadanía e á posta en valor deste espazo público emblemático de Ferrol, permitirá a conexión e continuidade dos barrios históricos de A Magdalena, Ferrol Vello e Canido antigo. As obras do Raíña Sofía comprenden a rehabilitación da porta principal de entrada ao recinto – que quedará aberta e sen reixas-; a colocación de grandes letras con nome do parque na entrada; e a posta en valor dun treito de muro que rodea a zona verde para xerar un corredor con lugares de estancia coa instalación de diferentes bancos. Así mesmo, será construída unha rampla de acceso ao recinto na rúa Breogán; habilitadas escadas na rúa Espartero para a conexión con Ferrol Vello; e se recuperará un pórtico antigo de cantería en Imeldo Corral que servirá de novo acceso ao Raíña Sofía.
Cruce das rúas Máximo Ramos e Barrie de la Maza
No que atinxe aos traballos de pavimentación do cruzamento das rúas Máximo Ramos e Barrie de la Maza, forman parte das obras de apertura da primeira das rúas e permitirá unha maior permeabilidade no tránsito de vehículos e persoas entre os barrios de Canido, Ferrol Vello e A Magdalena. Estas actuacións na intersección de ditas vías teñen un presuposto total de 155.500 euros e están financiadas con fondos europeos do Plan Urban, ao igual que as obras do parque municipal Raíña Sofía.











