As obras de mantemento nos centros educativos de Tomiño superan os 80.000 euros

Obras no colexio de Barrantes
O Concello de Tomiño, logo de manter reunións coas diferentes ANPAS e direccións dos colexios da vila, decidiu asumir varias obras de mantemento e reparación dos centros educativos durante o receso escolar. Deste xeito, durante o verán realizáronse obras por valor duns 80.000 euros, procedentes das arcas municipais.
Dúas destas obras foron a pintura completa das instalacións do CEP Pedro Caselles Beltrán (Tomiño) e do CEIP Pintor Antonio Fernández (Goián).
Asemade, procedeuse a pintar e cambiar a instalación eléctrica da aula do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Taborda, arranxándose tamén o tellado e o parque infantil.
No CRA de Figueiró acondicionouse o chan do patio cuberto, pintouse e reparouse o parque infantil. En Sobrada, realizáronse traballos de carpintería e no CEIP de Barrantes, arranxouse toda a pista deportiva (fotos).
As obras leváronse a cabo con cargo á partida orzamentaria que o goberno local dotou cuns 80.000 euros
Segundo explicou a concelleira de Educación, Olga Orduña, cada vez son máis as necesidades dos centros que deben cubrirse desde o Concello, polo que o goberno local “segue a apostar firmemente pola educación pública dos nenos e nenas de Tomiño”.
A estas intervencións hai que sumar as obras de acondicionamento realizadas polo Concello nos accesos ás pistas de tenis e padel situadas na zona de Mosteiro (Tomiño); unha intervención que consistiu na mellora e saneamento dos accesos ás pistas, que se atopaban en estado de precariedade. O custe ascendeu a 30.000 euros de fondos municipais.
A concelleira de Deportes, Cristina Martínez, explicou que o goberno local levou a cabo esta obra “tendo en conta a gran demanda por parte de usuarios e usuarias que, de xeito habitual e gratuíto utilizan, estas instalacións”. Ademais, os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Tenis, beneficiaranse tamén destas melloras, así coma o alumnado do CEP Pedro Caselles Beltrán, situado xusto a carón das pistas deportivas.











