As localidades de Bertamiráns e Agrón celebrarán os seus festexos este fin de semana
Bertamiráns e Agrón celebrarán este fin de semana as súas festas patronais, nas que haberá xornadas de música, baile e diversión. Nestes días, Bertamiráns e Agrón honrarán á Peregrina e a San Lourenzo con numerosas actuacións e actividades.
Un ano máis, Bertamiráns honra á súa patroa coa celebración das festas da Peregrina. O pistoletazo de saída terá lugar o sábado, 10 de agosto, coa verbena no campo da festa a cargo da orquestra Costa Oeste. Ademais, tamén está programada a actuación da discoteca móvil M. Music, acompañada de DJ Sonic e DJ Javi.
A segunda xornada das festas da Peregrina será o domingo, 11 de agosto. Pola mañá, ás 12:30 horas, terá lugar a misa solemne na Capela da Nosa Señora a Divina Peregrina de Bertamiráns. Seguidamente, ás 13:15 horas, celebrarase a tradicional procesión. Ao remate, a sesión vermú correrá a cargo da orquestra Samba. A festa rematará cunha gran verbena na que actuarán as orquestras Samba e Channel.
San Lourenzo de Agrón
A parroquia de Agrón tamén estará de festa este fin de semana e o vindeiro luns, tres xornadas nas que honrará ao seu patrón, San Lourenzo. Os tres días haberá misa solemne ás 13,00 horas.
As celebracións, organizadas pola Asociación Cultural de Festas de San Lourenzo, comezan o sábado, 10 de agosto, día do patrón. Nesta xornada, a sesión vermú e a verbena correrán a cargo do grupo Acuarela. O domingo, 11 de agosto, os veciños e veciñas de Agrón honrarán ao Santísimo Sacramento. A sesión vermú e a verbena estarán protagonizadas polo grupo Atenas. As festas rematarán o luns, 12 de agosto, cunha xornada dedicada a San Roque. Nesta ocasión, a música correrá a cargo da orquestra La Bambola.











