As festas de Vilagarcía continúan a ritmo de rap con Comando Katana
As festas de San Roque seguen avanzando con novas propostas aptas para todos os gustos. A xornada do martes 13 virá marcada a ritmo de rap coa actuación do grupo Comando Katana. O programa complétase coas actividades infantís dos Superrroquiños, pasarrúas, exhibición de zumba fitness.
O programa de festas da xornada ábrese de mañá cos xogos e obradoiros infantís do Club dos Superroquiños. Será na explanada do Auditorio onde os nenos de 3 a 12 anos poderán pasar unha divertida mañá participando nas actividades e propostas dirixidas por monitores e que se desenvolverán a partir das 10:30 horas e ata as 13:30. Os nenos deberán ir acompañados dalgún adulto.
O grupo de gaitas e baile Embruxo de Guillán será o encargado de animar as rúas durante a xornada con pasarrúas e actuacións folclóricas.
A oferta gastronómica concéntrase hoxe na Praza da peixería, onde segue a celebrarse Viñagarcía. O Salón Gastronómico de Arousa organizado polo club de fútbol Arosa S.C. Abrirá as súas portas en horario de 12 a 15 horas pola mañá, e de 20 a 24 horas pola noite. A velada estará amenizada pola actuación do Dúo Chocolate.
Xa pola fresca, a Praza de Galicia acollerá de 22:00 a 23:00 horas unha Mastre Cllas de Zumba Fitness, a modalidade deportiva que mestura baile con ritmos latinos e fitness que está causando sensación nos últimos anos.
O concerto nocturno do martes chega cos ritmos máis urbanos a cargo do grupo santiagués, Comando Katana, toda unha referencia da música rap en Galicia. A formación creouse en 2003 coa unión de varios músicos que xa tiñan unha traxectoria previa individual. O conxunto non se considera un grupo da nova xeración xa que se iniciou nun período de transición no cal esta música rap aínda non estaba asentada, por iso absorbeu a esencia da vella escola combinándoa coas gañas de innovar dando paso así a unha longa lista de proxectos.
O concerto de Comando Katana celebrarase a partir das 23:00 horas na Rúa Méndez Núñez.











