publicidade hoxe

Artistas de toda Galicia participaron no “I certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández” celebrado en Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPontevedraProvinciasRianxoTomiño
A-
A+
Entrega de premios

Entrega de premios

O Espazo Fortaleza de Goián acolleu onte o “I Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández”, celebrado coma homenaxe ao recoñecido pintor goianés. Trinta e catro artistas cegados desde diferentes puntos de Galicia, espalláronse pola vila goianesa dende primeira hora da mañá, para escoller o mellor recuncho, paisaxe, ou motivo de inspiración que lles permitira compoñer o seu cadro.

A partir das seis da tarde, os pintores comezaron a cegar ao Espazo Fortaleza, situado á beira do río Miño e a carón do antigo Forte de San Lourenzo, en cuxo interior actuaba o grupo Tanxarina, coa súa proposta teatral “Trogloditas”.

O xurado, composto pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González; os artistas  Eulalia Portela, Mario Rodríguez e Pilar Alonso, e unha representante da Comunidade de Montes de Goián, o tivo complicado á hora de elixir os gañadores, pois moitas obras merecían premio.

Finalmente, resultou primeiro o traballo de Raúl Gil Burés, de Rianxo, seguido de Francisco Solano Jiménez Castro, de A Coruña. Os artistas gañadores recibiron un premio de 1500 euros (patrocinado polo Concello), no caso do primeiro, e de 1000 no do segundo (patrocinado pola Comunidade de Montes).

A rexedora local, Sandra González, agradeceu a resposta dos artistas á convocatoria e o traballo da Comisión Antonio Fernández na organización do certame. Os cadros participantes serán expostos durante esta semana no Centro Goianés.

Raúl Gil Burés, pola súa parte, amosouse contento polo premio acadado, e comentou que a pesar do intenso vento que houbo durante gran parte da xornada, “pintar na vila de Goián, e en Galicia en xeral, é unha sorte e unha boa experiencia”.

26 de agosto de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.