“Arrietty e o mundo dos diminutos” o venres 23 na praza da Mina

Arrietty e o mundo dos diminutos
Dentro do ciclo “Cine na rúa” organizado polo Concello de Tomiño, proxectarase mañá, venres 23 de agosto, ás 22 horas, na Praza da Mina, a película “Arrietty e o mundo dos diminutos”.
Esta é unha película de animación xaponesa producida en 2010 por Studio Ghibli, ópera primeira do director Hiromasa Yonebayashi e baseada na novela fantástica “Os incursores”, da escritoria británica Mary Norton.
A película estreouse en Xapón o 17 de xullo de 2010, foi a primeira dirixida por Hiromasa Yonebayashi, un animador de Studio Ghibli.
Argumento
En Koganei, Tokio occidental, nárrase a historia dunha familia de diminutos; pequenos seres, de apenas dez centímetros de estatura, que viven nunha casiña oculta baixo as táboas do chan dunha mansión campestre. Os diminutos teñen a norma de non deixarse ver nunca polos humanos; con todo, a súa tranquila existencia cambia cando a moza Arrietty, unha audaz adolescente, é vista accidentalmente por Sho, un neno que se acaba de establecer na casa debido á súa delicada saúde.
A última sesión deste ciclo de cine infantil, terá lugar o venres 30 de agosto, coa proxección de “Piratas”.











