Arrancan as actividades paralelas da Feira do Viño de Monterrei coa visita de expertos vitivinícolas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVerín
A-
A+
Luis Gutiérrez

Luis Gutiérrez

Os viños de Monterrei están a experimentar un importante salto de calidade, como así o amosa o respaldo e interese que estar a espertar no sector profesional.

Representantes das guías e revistas máis influintes no ámbito internacional visitarán esta semana Monterrei para catar os viños da última colleita, así como as marcas máis representativas da que comeza a ser unha denominación de referencia en Galicia.

Luis Gutiérrez, colaborador en España do prestixioso crítico norteamericano Robert Parker (The Wine Advocate) será recibido mañá por representantes do Consello Regulador para a cata e valoración dunha vintena de viños de Monterrei. A lista Parker constitúe unha poderosa ferramenta de comercialización, sendo o pasaporte de acceso das adegas á internacionalización. Figurar nesta lista facilita a tarefa de comercialización, dada a súa notoriedade entre os profesionais do sector.

Tamén o mércores visita a nosa Denominación de Orixe o ex sumiller do Bulli, Ferrán Centelles, actual colaborador de Jancis Robinson, crítica da revista británica Decanter. Ofreceráselle unha cata das principais referencias da D.O., esta vez para a súa publicación, o vindeiro 8 de agosto, na web www.jancisrobinson.com

Todo isto é unha mostra do traballo que adegas e Consello Regulador están a desenvolver no ámbito da internacionalización da marca Monterrei, que nos últimos cinco anos duplicou as súa cifra de exportación.

Catas como as desta semana veñen a completar outras actividades dirixidas ao comercio exterior, como a misión inversa celebrada recentemente na que un grupo de importadores de Texas visitaron a Denominación de Orixe Monterrei, nunha iniciativa coordinada polo Inorde.

A VIII Feira do Viño de Monterrei celebrarase os días 9, 10 e 11 de agosto na Praza da Mercé de Verín. Participan como expositoras 12 adegas, nunha edición que inclúe novidades como a constitución da Cofradía dos Viños de Monterrei, que nomeará aos seus dezaoito primeiros membros, un por ano de vida da Denominación de Orixe.

7 de agosto de 2013 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.