Ares interésase pola actividade do veleiro Laion de COGAMI
O vindeiro luns, 2 de setembro, ás 11:00 horas, dende o Club Náutico de Ares, un grupo formado por oito persoas con discapacidade usuarias de COGAMI-Ferrol vai embarcar no veleiro Laion para realizar unha travesía pola ría, onde van aprender nocións básicas sobre a navegación a vela, a realización de nós mariñeiros e o manexo do temón.
Á chegada ao club, prevista para as 13:30 horas, o grupo e a tripulación do veleiro van ser recibidos polo Alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, o Presidente do Club Náutico de Ares, Cayetano Galán, e o Presidente da Federación COGAMI-Coruña, Ramón Sestayo. Posteriormente, os convidados realizarán unha visita á embarcación e asinarán no libro de visitas.
A navegación do Laion forma parte do Proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada) que organiza cada verán a Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da Provincia de A Coruña (COGAMI Coruña), entidade membro de COGAMI e que ten en garda e custodia o veleiro dende o ano 2002, cando a Audiencia Nacional llo requisou ao narcotráfico.
O Laion, de 13 metros de eslora, ten capacidade máxima para 9 persoas: 2 tripulantes, 5 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes. A tripulación do Laion está formada por persoas voluntarias que ceden desinteresadamente o seu tempo libre para participar neste proxecto.
A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo a gobernación do barco a calquera persoa.











