Árbores autóctonas, sendeiros e bancos na segunda fase de recuperación do parque natural de Novo Mesoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

Adxudicáronse os traballos da segunda fase do plan de recuperación do parque natural de Novo Mesoiro. Cun investimento de 105.817 euros, este novo proxecto do Concello permitirá acondicionar 40.000 metros cadrados para uso e desfrute dos cidadáns, ao tempo que, dentro do programa municipal de prevención de incendios, incluirá a limpeza da maleza existente.

O responsable de Medio, Enrique Salvador, explicou que esta segunda fase forma parte dun “proxecto ambicioso” co que o Concello pretende recuperar un espazo degradado de Novo Mesoiro e dotalo das infraestruturas e condicións paisaxísticas óptimas para o desfrute dos veciños. Neste sentido, Enrique Salvador destacou que “de xeito inminente” se executarán diferentes actuacións entre as naves industriais do polígono de Pocomaco e o parque existente na actualidade. O concelleiro subliñou que estas obras responden ás peticións realizadas tanto por veciños coma polos empresarios, dentro do clima de diálogo permanente que mantén o Concello a través das concelleiras de Barrio.

O concelleiro de Medio detallou as actuacións que se levarán a cabo nesta segunda fase do plan de recuperación do parque natural de Novo Mesoiro e cuxo prazo de execución roldará os tres meses:

. Roza das zonas de matogueira, fundamentalmente nos lugares próximos ás edificacións, dentro do plan de prevención de incendios; e talla de eucaliptos en lugares onde poida existir risco de caída.
. Plantación de especies autóctonas, 55 arbóreas e 300 arbustivas, nas zonas verdes de nova creación.
. Creación de senllas e camiños, de pavimento terrizo, que, xunto cos xa existentes, conformarán unha ruta natural que discorrerá entre zonas verdes e arboradas. A ruta compleméntase con outros espazos verdes e paseos existentes na zona sur, configurando unha ruta circular ao conxunto de todo o barrio de Novo Mesoiro.
. Instalación de bancos de madeira e papeleiras.

Enrique Salvador tamén avanzou que o Concello, a través das concellarías de Barrio e en colaboración cos veciños, xa traballa en novos proxectos para Novo Mesoiro, como a creación dunha nova área infantil. Esta seguinte actuación enmarcarase dentro do compromiso municipal de mellorar as zonas de xogos dedicadas aos máis pequenos.

O concelleiro recordou que, dende 2012, Medio conta coa colaboración de empresas especializadas que se encargan de velar polo bo mantemento das áreas infantís e por certificar que cumpren todos os parámetros que establece a lexislación actual en materia de seguridade. Inaugurados os parques infantís de Santa Margarida e Pais Rubinos, a Concellaría de Medio ten previsto concluír antes de final de ano unha serie de melloras nos parques infantís de Juan Naya, Méndez Núñez e praza de España.

23 de agosto de 2013 | 11:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.