Aprobouse o proxecto de adecuación de 28 vivendas do barrio de Recimil

Información da aprobación
Aprobouse por parte da Xunta de Goberno Local, en sesión ordinaria, de tres importantes proxectos urbanísticos. O primeiro edil da cidade estivo acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia Pérez; a portavoz do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros; e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.
Así as cousas, o Executivo local daba luz verde ao proxecto para a “Adecuación de vivendas de Recimil para disposición da Concellería de Benestar Social”. As actuacións comprenden traballos de acondicionamento en 28 vivendas e conta cun orzamento estimado de execución de 451.818,94 euros (co 21% de IVE incluído). “Unha cantidade superior á prevista inicialmente que garantirá cumprir co compromiso asumido polo Goberno de adxudicar 30 vivendas antes do mes de setembro” engadiu o rexedor municipal.
Máis polo miúdo, o primeiro edil da cidade explicaba que as intervencións que se acometerán nas vivendas de Recimil consisten na renovación ou reparación dos acabados de solado, paredes e teitos co mantemento da tabiquería existente; reparación ou substitución das carpinterías interiores de madeira; substitución das carpinterías exteriores deterioradas; e a renovación das instalacións de electricidade, fontanería, ACS e saneamento que se atopen en mal estado. Segundo informou o alcalde ferrolán, as obras de adecuación das vivendas de Recimil iniciaranse nos próximos días e as adxudicacións serán realizadas antes da finalización dos traballos.
Outro dos asuntos que o Executivo Local sacou adiante esta mañá foi a aprobación do proxecto “Básico e de Execución de Rehabilitación da Fonte da Orde Terceira e do seu entorno na Graña”. Rey Varela sinalou que “é unha actuación importante e demandada polo veciños da Graña”. A proposta urbanística, que conta cun investimento de 23.970,05 euros (IVE incluído), comprende a restauración da fonte, así como, a posta en valor do acceso e do espazo á mesma, a reparación de pavimentos e a mellora da iluminación. Nesta mesma liña, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe na reunión ordinaria o proxecto básico e de execución para o remate da pavimentación dos viarios das vivendas sindicais de Serantes, cun orzamento de execución de 116.448,56 euros (IVE incluído).











