Aprobados os criterios e os prazos de presentación de solicitudes para as axudas ao abono bus universitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ferrol deu hoxe luz verde aos criterios que rexerán a concesión de axudas ao bono bus universitario para o vindeiro curso académico 2013-2014, así como o prazo para a presentación de solicitudes. As achegas de transporte están destinadas ao alumnado empadroado no termo municipal ferrolá e que se despraza diariamente á cidade herculina para cursar os seus estudos nas Facultades e Escolas universitarias situadas na Coruña.

Os dous últimos cursos foron incrementados en 3.000 euros por tramo as cantidades que figuran como límite máximo de base impoñible por unidade familiar, polo que a Concellería de Cultura e Universidade estima oportuno manter o baremo para a concesión de axudas ao bono bus universitario para o curso 2013-2014. Ademais, o Goberno Municipal aprobou o período de presentación das solicitudes establecéndoo en dous prazos: do 20 de agosto ao 20 de setembro e do 15 de outubro ao 15 de novembro de 2013 (ámbolos dous incluídos).

Outro dos asuntos que esta mañá saíu adiante na Xunta de Goberno Local foi a aprobación da autorización para a realización de dous eventos culturais no Teatro Jofre. Así, o teatro municipal será o escenario escollido para a celebración do “Festival Folclórico” que terá lugar o 23 de agosto a partir das 20:00 horas; mentres que o vindeiro 31 de agosto, en horario de tarde, acollerá o “XXI Concurso Internacional de Composición e Gaita Galega Constantino Bellón”.

Aula de Ecoloxía Urbana

O Goberno Municipal de Ferrol tamén deu luz verde esta mañá á prórroga do contrato correspondentes ao “Servizo de xestión da Aula de Ecoloxía Urbana”, adxudicado á empresa SEAS, S.L. Servicios Medioambientales, por un período de seis meses. Esta aprobación da prorrogación do servizo suporá un gasto total por parte das arcas municipais de 19.844 euros (incluído o 21% de IVE).

19 de agosto de 2013 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.