Animación á lectura e achegamento á natureza para os máis cativos
A Concellería de Educación do Concello de Ourense dará continuidade durante o mes de setembro aos programas de actividades de verán para nenos que organiza nas bibliotecas municipais e na Aula Municipal de Natureza do río Miño, en Oira. Deste xeito, e malia o remate do mes de agosto, os máis cativos poderán seguir participando en actividades lúdicas e formativas, antes de que comece o novo curso escolar, dentro dun programa que pretende axudar ás familias a conciliar vida familiar e laboral durante estes días de vacacións.
As bibliotecas municipais (A Ponte, San Francisco, A Carballeira) e o punto de lectura infantil do Couto, organizan a actividade “VIAXE A TRAVÉS DOS CONTOS”. Incluida no Programa de Animación á Lectura, desenvolverase de luns a venres, desde de 11.00 a 13.00 horas, dende o día 2 ata o 10 de setembro. Con esta actividade, as bibliotecas convidan aos nenos e nenas a viaxar cos seus libros empregando o poder da imaxinación.
Ten como finalidade que os nenos e nenas desfruten da biblioteca como un espazo sorpresa no que todo é posible grazas aos libros, amosala como un entorno atractivo, e traballar dun xeito lúdico para crear e consolidar os hábitos de lectura de nenas e nenos, a través de xogos, manualidades, teatro e diversas actividades de animación, empreando sobre todo a imaxinación.
Poderán participar todos os nenos e nenas de 4 a 10 anos, usuarios das bibliotecas de A Ponte, sita no Centro Civico da Ponte (rúa Eulogio Gómez Franqueira), A Carballeira (Praza do Sagrado Corazón, San Francisco (na explanada de San Francisco) e o punto de lectura infantil do Couto (rúa Francisco Asorey), e todos aqueles e aquelas que desexen participar. A actividade é gratuíta e os interesados poden inscribirse nas propias bibliotecas.
Actividades medioambientais
Paralelamente, a Concellería de Educación ven de ampliar ata o día 6 de setembro o programa de actividades de verán para nenos e nenas que se desenvolven na Aula de Natureza do río Miño, en Oira.
Coa finalidade de concienciar aos cativos da importancia do coñecemento, coidado e conservación do medio ambiente, desenvolveranse diferentes actividades, que xirarán en torno á flora e a fauna da nosa provincia, reciclaxe, orientación, cambio climático e xardinería, entre outras.
O programa de actividades está dirixido a nenos e nenas de 6 a 13 anos de idade. Realizaranse en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas, os días 2, 3, 4, 5 e 6 de setembro. A inscrición ten un custe de 10 euros, e pódese realizar a través do teléfono 988 510 781 ou vía email: aulanatureza@ourense.es











