Ampla proposta de actividades con motivo da Romaría de Santa Marta en Cabanas
Cabanas acollerá unha fin de semana chea de eventos, tanto culturais como deportivos, organizados todos eles arredor da tradicional Romaría de Santa Marta, e que converten a Praia e Piñeiral da Madalena en centro de atención da comarca.
O sábado comezara xa pola mañá. Ás once dará comezo unha nova edición do Torneo de Balonmán Praia, que con esta alcanzará a súa quinta edición. Trátase esta dunha actividade que se foi consolidando e que agora é un reclamo para equipos procedentes non só de Galicia, senón tamén do resto de España. Para este V Torneo de Balonmán Praia tomarán parte un total de nove equipos, coa novidade da participación por primeira vez dun equipo feminino. Os partidos terán lugar na praia da Madalena estando previsto que a final se leve a cabo ás 20:0 horas. Nos descansos entre os encontros que se celebren terán lugar distintas exhibicións deste deporte tan espectacular.
Tamén ás once da mañá e tamén na Praia da Madalena dará comezo o V Concurso de Castelos de Area, no que poderán participar todos os que así o desexen. O prazo para levar a cabo as obras rematará as 13:00 horas, cando se procederá a entrega de premios.
O domingo o deporte tamén terá a súa importancia. Desta vez o escenario será o circuíto de cross do Piñeiral da Madalena, onde a partir das once da mañá empezarán a celebrarse as diferentes probas que comporán o XXIV Cross Popular de Santa Marta, unha proba que no ano pasado chegou a congregar a máis de cincocentos participantes.
Tamén haberá tempo para a cultura na xornada do domingo. Desta forma as 13:30 horas terá lugar unha actuación a cargo do “Dúo Acordes”. Logo ás 17:30 horas será a quenda de “Airiños do Frade” e ás 18:30 horas da “Rondalla Estrelecer” para rematar todo ás 20:30 horas coa actuación de “Dj Sardi”.











