Ames ultima a oferta de actividades culturais que o ano pasado contou con máis de 220 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

O Concello de Ames está pechando a oferta de actividades culturais municipais de cara ao próximo curso. Coa pretensión de ofrecerlle á cidadanía amiense un amplo abano de actividades culturais e deportivas para o tempo de lecer, a Xunta de Goberno Local aprobou o procedemento de contratación do servizo de realización de actividades municipais culturais de manualidades, bailes de salón, teatro e xadrez nas que durante o ano pasado participaron máis de 220 persoas. Esta oferta únese á das escolas deportivas municipais e ás actividades físicas para persoas adultas, así como ás numerosas actividades culturais que programa o Concello ao longo de todo o ano.

As actividades comezarán no mes de outubro e rematarán en xuño. O valor anual estimado deste contrato, que comezará no mes de outubro de 2013, ascende a 17.284 euros e a súa duración inicial é de dúas tempadas, susceptible de ser prorrogada por outras dúas máis. Por iso, o importe total estimado do contrato ascende a 69.148 euros. O anuncio deste proceso de licitación será publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no perfil do contratante da web municipal para que durante o prazo de quince días os interesados poidan presentar as súas proposicións.

No prego do expediente de contratación establecese un programa mínimo en canto ao número de horas que se impartirán de cada especialidade. Deste xeito, no curso 2013-2014 impartiranse como mínimo 340 horas de manualidades, 169 horas de bailes de salón, 57 horas de xadrez e 42 horas de teatro.

Máis de 220 persoas no pasado curso

As actividades culturais ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Durante o pasado curso, 2012-2013, participaron nestas actividades culturais un total de 226 persoas.

Máis concretamente, 94 persoas asistiron en Bertamiráns e Milladoiro ás clases do obradoiro de manualidades. En bailes de salón participaron 73 persoas, mentres que no obradoiro de teatro foron 35.

7 de agosto de 2013 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.