Ames convoca a comisión especial de contas que examinará a conta xeral do 2012 que arroxou un remanente positivo de 190.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocalLocal Portada
A-
A+

O Executivo amiense convocou hoxe a Comisión Especial de Contas para o vindeiro luns 26 de agosto. Deste xeito, ao igual que sucedeu o pasado ano e tras varios exercicios nos que a contabilidade municipal sufriu un severo atraso, o Concello de Ames segue a traballar no cumprimento dos prazos legais establecidos para a rendición da Conta Xeral, que nos últimos dous anos foi presentada dentro do ano natural sinalado pola norma (o seguinte a aquel ao que se refiran as cifras).

Neste exercicio, o obxectivo é cumprir o prazo de rendición sinalado pola norma, algo que non sucedía desde o 2003. De feito, o prazo para presentar a Conta Xeral remata o vindeiro mes de outubro, segundo determina o artigo 212 da lei que regula as facendas locais, co cal se renderá con adianto sobre a data estipulada.

O día 26 de agosto, a Comisión examinará e ditaminará a conta xeral para que se envíe ao Boletín Oficial da Provincia (BOP). A continuación, quedará 23 días hábiles o informe en exposición pública.

Desde o Goberno municipal incídese, ademais, na importancia de liquidar as contas de 2012 dentro do exercicio de 2013, feito que permite asegurar a transferencia que o Concello de Ames recibe mensualmente como participación nos tributos do Estado. Do mesmo xeito, ter liquidadas as contas en prazo permite tamén que o Concello de Ames siga optando ás subvencións convocadas pola Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica estableceu por decreto que, para concorrer ás súas convocatorias de axudas, as entidades interesadas deben ter pechado o exercicio anterior.

Liquidación orzamentaria

No último pleno ordinario, o correspondente ao mes de xullo, o Goberno amiense deu conta da liquidación orzamentaria correspondente a 2012. Esta liquidación reflicte que o Concello de Ames pechou o exercicio 2012 cun remanente de tesourería de máis de 190.000 euros, o primeiro positivo desde o ano 2006, e unha cifra significativa despois de que na última liquidación o remanente de tesourería alcanzara un rexistro negativo récord de máis de -2.100.000 euros. Ademais, o resultado orzamentario arroxou un superávit de 3,2 millóns de euros.

No caso do remanente de tesourería, trátase dun indicador que permite comprobar o nivel de solvencia dunha administración. En 2012, o Concello de Ames pechou o exercicio cun remanente de tesourería positivo de 190.025,75 euros, fronte o mínimo histórico -2.170.640,49 euros co que finalizara o exercicio 2011.

Esta evolución é froito dunha política baseada na seriedade, no rigor orzamentario, no control do endebedamento e na supresión do gasto superfluo, mantendo as políticas sociais e os programas que benefician ao conxunto da poboación nun momento complicado para os ingresos municipais. En canto ao peche do exercicio, o resultado orzamentario reflicte uns dereitos recoñecidos netos de 22,7 millóns de euros e unhas obrigas recoñecidas de 19,7 millóns de euros. O resultado orzamentario axustado amosa un superávit de 3.230.702,22 euros.

5 de agosto de 2013 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.