Ames comeza os trámites para acometer as obras de mellora e mantemento de colexios e comedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

O Concello de Ames puxo en marcha os trámites para acometer os traballos de mellora e mantemento de colexios e comedores do municipio e para levar a cabo a reparación interior de viais en varios puntos do municipio. En total, nestas obras, que se levarán a cabo grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, investiranse máis de 135.000 euros.

En relación ás obras de mellora e mantemento de colexios e comedores do municipio, o Concello de Ames destinará a estes traballos un orzamento total de 50.476,55 euros. Neste conxunto de traballos inclúense actuacións no CEIP Barouta, o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño e nas escolas unitarias de Guimaráns, Tarroeira e Agrón.

No CEIP de Barouta arranxarase a baranda do porche utilizado polos/as alumnos/as de Infantil, instalarase un automatismo para o portalón de acceso de vehículos, levarase a cabo a colocación de pasamáns nas escaleiras interiores ou introduciranse melloras na aula de música e no almacén. Pola súa banda, no CEIP de A Maía tomaranse medidas para evitar a entrada de auga no edificio de Infantil, mentres que no inmoble de Primaria se instalará un almacén e no patio procederase á reposición de baldosas e se mellorará o canal de pluviais. No comedor, colocaranse pavimento vinilíco e introduciranse melloras no sistemas de tubarías.

No CEIP Agro do Muíño repoñeranse as luminarias do ximnasio e modificarase a apertura do portal de entrada de vehículos, que pasará a ser corredoira. Mentres, no comedor introduciranse melloras na zona de lavado de vaixelas. No tocante ás escolas unitarias, substituíranse os radiadores de aceite por emisores térmicos no centro educativo de Guimaráns, introduciranse melloras eléctricas e na fachada da escola da Tarroeira e na de Agrón procederase ao retellado.

Ademais, investiranse 15.958 euros nas obras de mantemento e mellora enerxética na escola infantil municipal O Bosque. As actuacións servirán para resolver algunhas deficiencias existentes nesta escola, cambiando o teito no patio central de xogos, modificando a instalación de calefacción e colocación de termostatos, controladores ou reguladores dixitais e, tamén, o pintado de fachadas.

Mellora de viais no municipio

O Concello de Ames tamén iniciou os trámites para levar a cabo oito actuacións sobre diferentes puntos da rede viaria do municipio que contan cun orzamento total de 68.664, 97 euros. Neste conxunto de actuacións inclúese a reparación interior no lugar de Ortoñiño e os traballos de acondicionamento do camiño que une Bertamiráns e Cantalarrana, situados na parroquia de Ortoño.

Tamén se acometerán traballos na parroquia de Bugallido, máis concretamente nos camiños que unen o Cruce da Bola con Framán e Framán co campo de fútbol. Nesta mesma parroquia, procederase ao bacheo da travesía de Tarrío e do abanico Firminstáns-Tarrío. Este conxunto de obras inclúe o acondicionamento na parroquia de Biduído do camiño que une Quistiláns co cemiterio, mentres que en Covas traballarase no camiño da Igrexa.

En todos estes puntos, levarase a cabo a mellora da capa de rodaxe mediante o emprego de tratamento asfáltico, reparación de baches, pavimentación de grava e posterior triple tratamento asfáltico.

1 de agosto de 2013 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.