Ames acomete melloras no campo da festa da Peregrina, en Bertamiráns, con motivo das festas patronais
O Concello de Ames, a través da Concellería de Vías, Obras e Urbanismo, está levando a cabo obras de mellora e acondicionamento no campo da festa de Bertamiráns. O obxectivo é que esta zona estea en condicións óptimas para acoller as celebracións da festa da Peregrina que terán lugar alí o vindeiro fin de semana.
Durante esta semana estíveronse acometendo diferentes traballos e, esta mesma mañá, os membros da brigada de obras municipal estiveron revisando o alumeado do campo da festa para cambialo o vindeiro luns e, ademais, os traballadores actuaron sobre o terreo estendendo nalgunhas zonas unha nova capa de terra. Nestas xornadas está previsto levar a cabo esta actuación sobre o terreo do campo da festa, de cara a solucionar os problemas que presenta. Tamén se actuará sobre o tendido eléctrico, para que estea preparado para as xornadas da festa.
O Concello de Ames ten prevista unha segunda actuación que se levará a cabo no outono e que consistirá nunha nova semente de herba no terreo do campo da festa. Na xornada de onte, o alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado do concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada, e da concelleira de Atención e Mediación Veciñal, María Carmen Verde, achegáronse ao campo para comprobar o seu estado e ver a zona na que se están acometendo os traballos.
Ademais, o Concello de Ames está colaborando coa comisión de festas da Peregrina en todo o posible para o desenvolvemento das celebracións. De feito, nos últimos días mantiveron reunións de cara a estudar as posibles melloras no campo da festa.











