Afeccións no tráfico por obras en diversas rúas coruñesas
A Concellaría de Tráfico e Mobilidade informe da prórroga das seguintes afeccións:
– Con motivo das obras de canalización da rede de alta tensión na rúa Sebastián Martínez Risco, autorizouse a prórroga da afección do corte da rúa Sebastián Martínez Risco dende o paso de peóns fronte ao colexio Liceo la Paz ata a avenida Camilo José Cela en ambos os dous sentidos. Na propia vía está habilitada unha rotonda provisional para realizar o cambio de sentido sendo a alternativa de acceso a Camilo José Cela a rúa Luis Quintás Goyanes. A alternativa do acceso á rúa Sebastián Martínez Risco pola Camilo José Cela realizarase pola rotonda de Matogrande- rúa Juan Díaz Porlier. As obras terán unha duración estimada dende 01 ao 30 de setembro.
– Autorízase a prórroga da afección no Paseo Marítimo con motivo das obras de reparación da superestrutura do tranvía. Debido aos traballos de formigonado de reparación do eixe do carril do tranvía na rotonda do Paseo Marítimo á altura da Torre de Hércules, faise necesario a continuación do corte parcial dos carrís de circulación en distintas fases mantendo en todo momento un carril de circulación libre como mínimo. As obras teñen data de finalización estimada o 6 de setembro.
– Prorrógase a autorización da afección ao tráfico que se produce con motivo das obras de fresado e pavimentación da avenida Alfonso Molina. A obra, que abrangue en sentido saída cidade dende Liñares Rivas ata a Audiencia Provincial (altura da rúa Pérez Porto) e dende este punto ata o inicio de Fernandez Latorre en sentido entrada cidade, continuará e finalizará na noite do luns 2 de setembro no mesmo horario nocturno (23.30-06.30 horas) nos carrís sentido entrada cidade. En todo momento se manterá un carril libre de circulación.
Con respecto á afección de tráfico en Alfonso Molina que finaliza o luns, aclaramos que as obras se paralizan o sábado e o domingo. Polo tanto, durante eses dous días non se producirán cortes.











