Adxudícanse as obras de pavimentación e mellora de viais e camiños de Ames
No marco destas actuacións, realizaranse traballos en zonas como o Camiño da Rosaleda, o cruce Insua-Novais-Gasamáns, o camiño Capeáns-Igrexa de Covas ou no lugar de Paraxó. A xestión do Concello fai posible que se axilice a posta en marcha destas obras do POS, que en anos anteriores levaron unha tramitación máis prolongada.
O Concello de Ames vén de adxudicar por un total de 139.821 euros as obras de pavimentación e mellora de viais e accesos que se acometerán no municipio con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña correspondente ao 2013. Deste xeito, a xestión levada a cabo polo Concello e o esforzo realizado neste eido fan posible que se axilice a posta en marcha destas obras do POS, que en anos anteriores levaron unha tramitación máis prolongada.
O goberno municipal de Ames, reunido en Xunta de Goberno Local, adxudicou por un total de 53.542 euros os traballos de mellora na capa de rodaxe nos camiños Capeáns-Igrexa de Covas e no interior do lugar de Paraxó. Tamén se inclúe nesta actuación a pavimentación do Camiño da Rosaleda, no que se procederá á súa pavimentación con doce centímetros de grava e posterior triple tratamento asfáltico co obxectivo de mellorar o seu estado. As obras nestas zonas, situadas nas parroquias de Covas e Ortoño, permitirán mellorar a circulación dos vehículos que transitan por elas.
Tamén se destinarán un total de 31.617 euros á mellora na capa de rodaxe do camiño no cruce Insua-Novais-Gasamáns, camiño Galiñeiro, interior de Pedras, Camiño de Castelo e interior en Castelo. Estas actuacións, nas parroquias de Agrón e Ames, permitirán mellorar o estado no que se atopan estas vías como consecuencia da instalación do alcantarillado. Os traballos consistirán na aplicación de tratamento asfáltico, no rego e selado da plataforma e contémplase, ademais, a apertura e limpeza de gabias e limpeza de salvagabias.
Por último, adxudicáronse por un total de 54.661 euros as obras de mellora na capa de rodaxe do camiño Bertamiráns-Barreira- Ponte de Lapido e no camiño Igrexa- Campo de fútbol-A Tarroeira (Ortoño). Durante o pasado ano realizáronse actuacións en diversas parroquias e atopouse que o firme destas estradas se atopa en estado defectuoso, polo que se fai necesario actuar sobre elas.
En ambos camiños mellorarase a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado, repararanse os baches e daraselle un tratamento asfáltico semiprofundo, e posterior pintado de bordes, aparcamentos e sinalización. Tamén se contempla a apertura e limpeza de gabias.











