Actuacións no aglomerado e as beirarrúas de cinco barrios da cidade ferrolá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Servizos do Concello de Ferrol, que dirixe Borja Carro Muñoz, informou hoxe sobre as actuacións de reforzo en mantemento de viarios e beirarrúas acometidas na última semana nos barrios de Caranza, Canido e A Magdalena, así como na zona de A Malata e a parroquia de A Graña. Estas tarefas levadas a cabo polos operarios de Misturas S.A –empresa adxudicataria do servizo- súmanse ás feitas en cada unha das zonas antes citadas con motivo do novo Plan de Barrios posto en marcha a finais do pasado mes de febreiro polo Goberno Municipal que dirixe Jose Manuel Rey Varela. Así as cousas, as intervencións de repaso de mantemento, que se están facendo de maneira paralela ao desenvolvemento do Plan de Barrios, permiten cubrir deficiencias pendentes e novas peticións veciñais.

No que atinxe ao barrio de A Malata, os traballos executados polas cuadrillas da empresa adxudicataria se centraron no mantemento do aglomerado. As actuacións foron acometidas en 10 tramos diferentes, dos cales oito se executaron na zona do aparcadoiro da Feira de Mostras e os dous restantes no aparcadoiro de caravanas. Así, as actuacións executadas na zona rural de A Graña polo servizo municipal tamén se centraron no pavimento de dous treitos na estrada de subida á parroquia. Por outra banda, as intervencións de mantemento en Caranza foron realizadas no aglomerado do aparcadoiro de Torres de Caranza e tamén no arranxo das beirarrúas e formigón na rúa Masaya nº1 con Vila do Conde -estas últimas actuacións aínda en proceso de execución-. Ademais, os operarios de “Misturas S.A”, empresa adxudicataria do servizo, executaron traballos de mantemento no pavimento e nas beirarrúas do barrio de A Magdalena. Máis polo miúdo, as actuacións no aglomerado foron levadas a cabo na rúa da Igrexa e os traballos de arranxo de beirarrúas na rúa San Andrés e no Mercado de A Magdalena – a zona do mercado segue en proceso-.

Por último, os traballos acometidos polos operarios da empresa adxudicataria da prestación municipal en Canido se centraron no acondicionamento da explanada exterior do Cuartel de Sánchez Aguilera para acoller os concertos  das Festas de Verán, que tiveron lugar o pasado fin de semana. Neste senso, estas reformas de mellora executadas no firme da parcela cumpren unha vella demanda dos veciños que permitiu a recuperación da zona, fortemente degradada, para o uso cidadán.

28 de agosto de 2013 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.