Actividades da Semana Cultural de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+
Cativos participantes

Cativos participantes

Un total de vinte nenos e nenas, de entre 3 e 9 anos, participaron esta mañá no obradoiro “Criterios para a escolla de xoguetes”, unha iniciativa do Instituto Galego de Consumo que se celebrou no centro cultural (no canto da praza Isaac Díaz Pardo) por mor da ameaza de choiva. Durante algo máis dunha hora, os pequenos disfrutaron desta actividade do programa “Lecer Consumo 2013” que lles demostrou aos pequenos alternativas de ocio que respondan aos seus gustos e non tanto ao que sae anunciado pola televisión.

A través un conto, os monitores foron contándolles historias aos pequenos para amosarlles que, por exemplo, tirando de imaxinación poden facer calquera cousa. Una iniciativa moi participativa, con moitos xogos e bailes para o entretemento dos pequenos. Así mesmo, a esa mesma hora chegaron os 24 rapaces e rapazas, de entre 7 e 12 anos de idade, que participaron no campamento de verán organizado polo Concello de Oroso no campamento Virxe de Loreto (Porto do Son). Os rapaces chegaron moi satisfeitos coa experiencia, aínda que un chisco cansos despois dunha semana intensa de actividades como tiro con arco, piragüismo, rutas de sendeirismo, actividades multiaventura, veladas, xogos e cancións…

Festa do neno

Os nenos e nenas volverán ser os grandes protagonistas da xornada de mañá venres 23 de agosto. A Semana Cultural arrinca ás 12:00 horas co Planeta Móbil, unha iniciativa totalmente de balde e sen inscrición previa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. O centro cultural Fernando Casas e Novoa acollerá unha cúpula inchable na que se proxectarán vídeos de 20 minutos que provocan a sensación de inmersión total. Para participar non é preciso inscrición previa, só achegarse polo centro cultural. Os pequenos entrarán en grupos de 20.

Xa pola tarde, a piscina municipal de Sigüeiro acollerá unha gran Festa con Inchables, entre as 16 e as 19:00 horas. Unha festa gratuíta e aberta a todos os veciños e veciñas de Oroso que rematará cunha Festa da Escuma. Xa pola noite, a partir das 21:00 horas terá lugar un concerto de acordeón a cargo da Asociación Cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso, que estarán acompañados do grupo Os Melidados (Melide). A cita é no centro cultural de Sigüeiro e a entrada é totalmente de balde.

23 de agosto de 2013 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.