Aconséllase non circular en coche durante a Festa da Auga e o Combate Naval

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Vilagarcía acolle esta fin de semana dous dos eventos máis multitudinarios das festas patronais de San Roque: A Festa da Auga que terá lugar o venres, e o Combate naval, que se celebra o sábado. Dada a multitudinaria afluencia de xente que soe acudir a estes eventos procedentes da periferia e outros municipios, prevese o incremento do tráfico rodado. Para tratar de reducir o máximo posible as incidencias circulatorias, o Concello recomenda que se evite utilizar o coche polo centro da cidade dende unhas horas antes do inicio de ámbalas celebracións e ata que se dean por rematadas. Tamén se aconsella facer uso dos aparcamentos disuasorios dispoñibles.

Tendo en conta a experiencia doutros anos, a intensidade do tráfico comezará a incrementarse a partir da tarde noite do xoves, 15 de agosto, con motivo da chegada das persoas que virán a participar na noite previa á Festa da Auga. Debido a esta circunstancia é a multitude de xente que transitan polas rúas da cidade dende esas horas e que fan aínda máis lenta a circulación, prégase que, na medida do posible se evite circular polo centro urbano, tamén por motivos de seguridade dos peóns. Esta recomendación faise imprescindible dende ás 11:30 horas e as 17:00 horas do día 16 de agosto, dado que o tráfico pecharase totalmente nas rúas do centro incluídas na Zona Húmida para a celebración da festa da Auga e para a limpeza das mesmas unha vez rematado o evento.

En canto ao sábado pola noite, tamén se prega que se evite acceder ao centro urbano dende ás 22:00 horas que é cando o público comeza a trasladarse á zona das praias e o paseo marítimo para ver o Combate Naval.

En ámbalas dúas xornadas, recoméndase a veciños e visitantes que traten de vir a Vilagarcía coa antelación suficiente para escalonar a chegada. En canto so Combate Naval, aconséllase ao público que, unha vez rematado o espectáculo pirotécnico, espacien no tempo os desprazamentos a pé cara o centro da cidade para evitar aglomeracións e atascos.

Bolsas de aparcamento gratuítos

O Concello lembra que existen grandes bolsas de aparcamento gratuítos situados a moi curta distancia do centro urbano aos que os condutores poder recorrer. Os máis amplos son o da Finda de Louro e os de Fexdega. O primeiro, situado tamén nas inmediacións do recinto feiral, foi moi utilizado o pasado domingo con motivo da celebración do concerto de Miguel Bosé. Esta finca foi adecentada polo Concello e instalouse iluminación para facilitar o tránsito dos usuarios dos vehículos.

Ademais, tamén se podes utilizar os aparcamentos de Fexdega, tanto o dianteiro como o traseiro. Este último permanecerá aberto durante toda a noite para que os usuarios poidan entrar a deixar ou recoller os seus vehículos a calquera hora. Outras zonas para aparcar son a nova urbanización situada entre a Avenida de Cambados e As pistas, Desamparados, a estación de Renfe e a rúa Ramón Piñeiro (onde o asilo), así como na Avenida do Porto, a Praza de Abastos e O Ramal.

Por último, tamén se lembra que o ferrocarril é un medio moi apropiado e cómodo para acceder a Vilagarcía. Ademais de reducir o tráfico rodado na cidade, usar o tren reduce os riscos de accidentes circulatorios nas estradas, un problema que se incrementa en épocas festivas.

14 de agosto de 2013 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.